PolíticaÚltima hora

O BNG vianés presenta no pleno unha moción sobre o arranxo da estrada de San Agostiño

Imaxe dun dos puntos da estrada de San Agostiño en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na sesión plenaria que está convocada para as oito da tarde deste xoves 3 de outubro en Viana do Bolo, o grupo municipal do BNG defenderá unha moción sobre o arranxo e “solución da situación da estrada de San Agostiño” neste municipio, construída nos anos 60 pola empresa que fixo os encoros e a central do mesmo nome e que logo pasaba a mans de Endesa.

No texto da moción lémbrase que este vial consta de tres tramos (Viana do Nolo-San Agostiño, Sever-límite con Zamora na presa de Pías e cruce da Francesa en Rubiais-Cepedelo-enlace co tramo de Sever ao límite con Zamora) e supón un total de 24,44 km.

“Esta vía dá servizo e comunicación a unha zona moi importante do noso concello, sendo para algúns núcleos a única estrada de acceso aos seus domicilios. A situación desta vía é mala, tendo un mantemento nulo”, segundo os nacionalistas, que indican que ante esta situación o “goberno encabezado polo alcalde Secundino Fernández dende a mesma toma de posesión, tentou resolver o problema” e “reuniuse varias veces no anterior mandato co presidente da Deputación de Ourense para explicar e propor unha negociación para resolver esta situación, tamén con outros cargos da Deputación”.

Na moción resúmense as diversas xestións realizadas con datas e propostas concretas, matizando que o “BNG e o goberno municipal sempre propuxeron e seguen propondo que estas vías teñen que pasar a ser de titularidade da Deputación de Ourense. Esta proposta está fundamentamente principalmente na importancia das vías que comunican coa veciña comunidade autónoma de Castela e León, concretamente coa provincia de Zamora. E, por outra banda, tamén con dúas vías de titularidade da Deputación de Ourense”.

Co fin de dar solución a esta situación, a moción conclúe plantexando un acordo cun total de 6 puntos: “que o Concello de Viana do Bolo acepte a titularidade destas vías”, que o “Concello aporte 286.749,72 € ao convenio que se deba establecer entre a Deputación de Ourense, Endesa e o Concello de Viana do Bolo, consignando dita cantidade nos orzamentos 2020”, que “a Deputación de Ourense aporte a cantidade de 286.749,72 € ao convenio que se deba establecer entre a Deputación de Ourense, Endesa e o Concello de Viana do Bolo”, que “a empresa Endesa aporte 551.619,85 € ao convenio; representativo do 49,03 % do custe das obras calculado polos técnicos da empresa e da Deputación” e que as “posíbeis baixas que se poidan dar na licitación das obras se repartan proporcionalmente ao aportado entre a Deputación de Ourense e o Concello de Viana do Bolo”.

Finalmente a moción pide que “a Deputación de Ourense convoque con urxencia ao alcalde de Viana do Bolo e ao representante de Endesa ás xuntanzas necesarias para asinar o convenio e por en marcha o proceso de arranxo da estrada”.

 

Artigos relacionados

Back to top button