ConcellosO BoloÚltima hora

O Bolo acolle unha xornada sobre planificación e deseño de plantacións de castiñeiro de froito

Celebrábase na tarde do 20 de outubro con preto de 30 asistentes e estaba impartida polo secretario da IXP Castaña de Galicia

 

Como planificar unha plantación de castiñeiros, en que tipo de solo, con que variedades e polinizadores. Son algunhas das cuestións que se abordaban na xornada que o secretario da Indicación Xeográfica (IXP) Castaña de Galicia, Manuel López Vilariño, impartía na tarde do 20 de agosto no pavillón polideportivo do Bolo. A iniciativa, promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, contaba coa colaboración da IXP e do Concello do Bolo.

Nesta charla, titulada “O castiñeiro de froito: planificación e deseño das plantacións” e cunha duración de catro horas, tamén se aportaban consellos para o coidado dos castiñeiros, para a súa rega efectiva, para a fertilización ou para facer enxertos. Ademais falábase de repoboación, apuntando como se prepara o terreo, técnicas de roza ou de replanteo e de peches perimetrais para as parcelas.

 

Un dos momentos da sesión no Bolo./ Foto cedida.

 

Preto de 30 persoas asistían a esta sesión, na que se gardaban estritamente todas as medidas de seguridade sanitarias fronte ao Covid-19.

Para o vindeiro 23 de outubro está prevista unha nova xornada deste tipo ás 10h. en Folgoso do Courel (Lugo). As persoas interesadas en participar deberán remitir un correo electrónico ao enderezo de info@castanadegalicia.org.

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

 

A xornada desenvolvíase no pavillón polideportivo./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button