ConcellosO BoloÚltima hora

O Bolo conta con servizo de información turística para o Castelo e para As Ermitas

A informadora está de mércores a domingo, pola mañás no Castelo e polas tardes nas Ermitas. Visitas con cita previa

Torre do Castelo de O Bolo. /Foto: Concello de O Bolo.

 

Paisaxísticos (cos miradoiros de Cambela, Chandoiro e A Fraga); gastronómicos (carne, viño,…), relixiosos (Vía Crucis), históricos… Son os encantos cos que conta o municipio de O Bolo, aínda que son dous os eixes sobre os que xira o potencial turístico deste concello da comarca de Valdeorras: o Castelo e As Ermitas co Santuario e a área recreativa.

O Castelo de O Bolo é un dos monumentos máis emblemáticos da zona con dúas posibles datas para a súa construción: S. XII (Dna. Urraca) ou S. XIII (Dna. Sancha). O edificio chega aos nosos días despois dunha sucesión de épocas de destrución e abandono, sendo empregado para usos moi variados, ata que en 1999 dá comezo a súa rehabilitación e posterior musealización a iniciativa do Concello, que se foi ampliando ata acometer reformas en todo o conxunto monumental.

 

Interior musealizado do castelo. /Foto: Concello de O Bolo.

 

A uns quilómetros da capital do concello, no pobo das Ermitas atopamos o Santuario, unha das xoias do barroco galego que cada ano recibe a numerosos visitantes. O edificio pertence ao bispado polo que o Concello non pode actuar sobre el pero o que si pode é arranxar e adecentar os arredores, algo no que levan anos traballando, especialmente no embelecemento das fachadas e obra de imaxinería, así como do Vía Crucis e o cabido que se atopa en obras.

Tamén a área recreativa das Ermitas, á sombra de chopos e amieiros, ten interese a nivel turístico especialmente na época estival, cun espazo de recreo á beira do río Bibei, onde se atopan os tres muíños que foron restaurados e postos en marcha: o de aceite, o fareleiro e a minicentral eléctrica.

 

Área recreativa das Ermitas co santuario ao fondo. /Foto: Concello de O Bolo.

 

E para amosar estes recursos o Concello conta dende hai unhas semanas cunha informadora turística de mércores a domingo. Pola mañás no Castelo e polas tardes nas Ermitas, con cita previachamando ao teléfono: 606 017 105.

 

Artigos relacionados

Back to top button