ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O Boteiro de Viana do Bolo, no Museo delle Maschere Mediterranee en Sardeña (Italia)

O Fulión vianés participaba na pasada fin de semana nun encontro de mascaradas na localidade de Mamoiada

 

A tradición do Entrudio de Viana do Bolo dábase a coñecer na pasada fin de semana na illa de Sardeña (Italia). O Fulión e os Boteiros participaban nun desfile de mascaradas tradicionais que se celebraba o 4 de xuño co gallo do 20 aniversario do Museo delle Maschere Mediterranee (MaMu – Museo delle Maschere, Museo della Cultura e del Lavoro, MATer) en Mamoiada.

 

 

 

As vianesas eran as únicas máscaras da Península Ibérica presentes neste evento, no que percorrían as rúas xunto a figuras como os Tamburini e Trombettieri de (Oristano – Sardeña), os Mamuthones e Issohadores (Mamoiada – Sardeña), os Thurpos (Orotelli – Sardeña), os Rollate (Sappada – Friuli-Venecia Giulia), Lastarii (Bucovina – Romanía/Ucraína) e os Grobnicki (Grobnik – Croacia).

 

 

Pero ademais do desfile, a representación do Entrudio vianés participaba noutros actos. Así presentábase a máscara do Boteiro e cedíase un traxe desta máscara á Associazione Pro Loco de Mamoiada co obxectivo de que quede exposta Museo delle Maschere Mediterranee. Neste museo xa había un traxe de Boteiro de Vilariño e outro da Pantalla de Xinzo, así como unha careta de Peliqueiro.

 

Os vianeses Jorge Domínguez “Minas” e Pedro Basalo con Andrea Puggioni (membro da Associazione Pro Loco de Mamoiada).

 

Nesta viaxe a Sardeña os membros do Fulión vianés estiveron acompañados polo alcalde en funcións de Viana, Andrés Montesinos. Ademais eran agasallados polos organizadores do evento cunha careta de Mamuthone.

Fotos cedidas e de Luciano Solero.

 

Artigos relacionados

Back to top button