Intentar mellorar a sexta posición da pasada campaña. Con ese obxectivo “que vai ser bastante complicado”, en palabras do presidente do Centro de Deportes Barco, Daniel Ramos, pero “sen renunciar a nada” comezaba a pretempada o equipo sénior barquense. Facíao na tarde do luns 18 de xullo, coa presentación do equipo que formará parte da nova tempada en terceira división.
Despois das baixas do anterior plantel (Mitogo, Rodri, Rubén Arce, Carlos de Dios, Rafa Llamas e Álex Pantoja), a directiva do equipo vermello aposta por reforzar a dianteira con catro novas incorporacións. Álex Expósito dianteiro gaditano procedente do Roteña; Ivi Vales de Ponferrada que vén do Astorga de segunda B; Javier Ballesteros de Zamora (Atl. Madrid, Lugo, Leganés, Eibar,…); e Óscar Loza que se incorpora mañá.
Tal como explicou o presidente do club, contan asemade coa incorporación ao primeiro equipo de varios xuvenís así como de xogadores a proba, esperando pechar as fichaxes proximamente “entre seis e sete”.
A primeira proba de nivel para o novo plantel no que se mantén o 70% do bloque, un ano máis ás ordes de Javi Rey, será o vindeiro 27 de xullo en Calabagueiros contra o Ponferradina. O 29 xogará contra o Ourense CF e o 31 contra o Coruxo no segundo Memorial Miguel Fariñas.
Fotos: Carlos G. Hervella