En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco despide a tempada en Calabagueiros con vitoria e paella

Co 3-1 remataba o último encontro desputado en casa ante o SDC Galicia de Mugardos

Aínda queda un partido para que remate a campaña en terceira división, pero o equipo sénior do Centro de Deportes Barco despedíase da afección en Calabagueiros cunha gran vitoria ante o SDC Galicia de Mugardos na tarde do 8 de maio.

“Ao rematar o encontro convidamos a paella a todos os asistentes na cantina”, aseguraba a directiva do club que quería agasallar á afección polo apoio durante toda a campaña. Tras esta información polo altofalante os xogadores saltaban ao terreo de xogo e arrancaba o encontro correspondente á xornada 37ª. Nun lado do campo o Galicia Mugardos chegaba a Calabagueiros coa necesidade de polo menos un empate para manterse na categoría. Do outro, o C.D. Barco que non se xogaba nada máis que o pracer de agasallar á súa afección cunha nova vitoria. E así o facía.

Tras uns primeiros minutos de encontro tranquilos por parte de ambos equipos, os visitantes adiantábanse no marcador, cun tanto que pouco despois era empatado polo local Javi Recamán. Xa na segunda metade, a diferenza seguía medrando grazas a un golazo de Carlos de Dios. E malia que os de Mugardos puxeron todo da súa parte e tentárono unha e outra vez, eran os locais os que sentenciaban o encontro co gol de David Álvarez.

Cunha gran tempada ás costas na súa estrea en terceira división e co 3-1 final, o conxunto azul e vermello despedíase da afección ao grande.

E para celebrar esta gran campaña do club de fútbol barquense, o Periódico O Sil vén de sacar á rúa un póster a toda cor que reúne aos catro planteis, con información sobre a categoría na que milita cada un e os nomes dos seus compoñentes. Quen desexe facerse con el, como recordo desta campaña 2015/2016 á que lle están poñendo o broche, pode mercalo en calquera quiosco ou libraría.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button