DeportesSen categorizarÚltima hora

O campión de España de ciclocross, Iván Feijóo, recibe unha beca de 2.500 euros da Fundación Florencio Álvarez

Marco Vázquez, Iván Feijóo e Xulio Conde.

O campión de España junior de cilocross, Iván Feijóo, recibiu hoxe unha beca, por contía de 2.500 euros, por parte da Fundación Florencio Álvarez. Este rapaz, que estuda 2º de bacharelato, ten o seu obxectivo fixado na Copa de España que se celebrará esta fin de semana. O corredor agradeceu á Fundación pola axuda xa que “grazas a eles e aos nosos patrocinadores podemos seguir competindo e o ciclismo, que non é un dos máis mediáticos, podemos abrirnos un oco”. Iván xa pensa, ademais da copa, nas copas do mundo junior “e en facer un campionato de España a finais de xullo”, asegurou.

Segundo explicou o secretario da entidade, Marco Vázquez no acto de entrega celebrado hoxe, 16 de marzo, dende a Fundación Florencio Álvarez “non o pensamos dúas veces á hora de concederlle esta axuda a Iván”.

O secretario asegurou que o seu currículo “tanto deportivo como académico” son os avais que precisaron para darlle o cheque de axuda.Asemade, Vázquez reiterou que o propio Florencio Álvarez estaría “moi orgulloso de darlle esta axuda a un ciclista” xa que o fundador era moi afeccionado a este deporte: “ía ata Vigo dende Ourense nos anos 40”, contou.

Pola súa banda, o adestrador do equipo Club Maceda, co que compite Iván, Xulio Conde, asegurou que o comezo da tempada trouxo consigo tamén os éxitos: “hai unha xeración de rapaces que levan anos xa na escola e da gusto que despois de nove anos traballando con eles, o traballo repercuta nestes logros”, asegurou. O adestrador reiterou o seu agradecemento á Fundación “por fixar o seu apoio nun rapaz como Iván”. Reiterou que as becas deste tipo axudan a cubrir os gastos para ir aos campionatos, por exemplo.

Artigos relacionados

Back to top button