ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Gran resposta solidaria á campaña promovida por 2 locais de hostalaría do Barco para os afectados pola DANA

 

Baixo o lema de “Axuda para Valencia” dous establecementos de hostalaría do Barco iniciaban o 1 de novembro unha campaña solidaria de recollida de alimentos, roupa e mantas para enviar aos damnificados pola catástrofe da DANA. A resposta social ante a iniciativa non se facía agardar. Dende ese momento comezaban a recibir multitude de material de todo tipo: dende mantas e roupa, pasando por alimentos non perecedoiros, material de farmacia, auga, produtos de limpeza e desinfección… e mesmo soro para persoas maiores.

Cansos, pero tamén sumamente emocionados pola gran solidariedade valdeorresa, esta mañá os promotores da iniciativa, Café Teatro Bajo 5 e Las Recetas de Abuela, coordinaban os preparativos para o transporte do material rumbo a Valencia. “Temos que agradecer a gran colaboración e solidariedade da xente, recibimos doazóns de diferentes empresas da zona, de particulares, tamén de entidades deportivas e clubs e de residencias de maiores”, explicaban ao Periódico O SIL.

 

 

Contaban ademais coa colaboración de diferentes persoas que se ían sumando de forma voluntaria para coordinar a embalaxe e o transporte. De feito, serán eles mesmos os que se encargaran do transporte do reunido en tres furgonetas que sairán esta tarde rumbo a Valencia. O material será levado ao pavillón polideportivo El Quint de Mislata (Valencia), a persoal que se está encargando de coordinar as doazóns.

As doazóns recibidas na campaña que non poidan ser asumidas nesta entrega, quedarán para unha vindeira campaña de Nadal, na que tamén se fará recollida de xoguetes para as persoas afectadas por esta traxedia na Comunidade Valenciana.

Fotos e vídeo: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button