ConcellosÚltima hora

O Carballiño celebra a XXXIX Xuntanza de Maiores

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, acudiron a este acto pensado para os usuarios dos centros sociocomunitarios [/drocpap]

No acto puideron gozar de baile e comida típica galega.

A Xunta de Galicia celebrou hoxe, 1 de xullo, a XXXIX Xuntanza de maiores no Carballiño, onde se deron cita centos de usuarios dos centros de maiores e dos centros sociocomunitarios entre outros de toda a comunidade galega. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; así como diversas personalidades, acudiron a este encontro no que puideron degustar, xunto cos asistentes, comida típica galega e bailar ao son das actuacións musicais encargadas de amenizar a festa.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou a importancia dos maiores na construción da sociedade moderna e do benestar de hoxe, engadindo que estes teñen un papel principal no presente e futuro desta terra. “A vosa sabedoría, experiencia, traxectoria vital, e saber facer son os froitos do voso esforzo e dos que hoxe aprendemos o resto”, sinalou Rey Varela.

Ao mesmo tempo, Rey Varela fixo alusión aos programas de benestar en balnearios, mediante o cal se ofertan estadías e tratamento termal para maiores; e xuntos polo Nadal, dirixido a aquelas persoas maiores que se atopan soas durante as datas de Nadal.

Este é un dos programas que se enmarcan na Estratexia galega de envellecemento activo, que xorde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media en Galicia. “Con ela, reforzamos o compromiso co benestar das persoas maiores e tamén das persoas con discapacidade, ambos colectivos prioritarios para o goberno galego”, explicou José Manuel Rey Varela.

O conselleiro agradeceu a asistencia á festa a todos os presentes na xuntanza e destacou o labor dos centros sociocomunitarios das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), de Petín (Ourense) e do Porriño (Pontevedra), así como da Asociación da 3ª idade de Mondoñedo (Lugo), que foron merecedores dunha distinción na xuntanza deste ano.

 

Artigos relacionados

Back to top button