CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O Casino do Barco e o IEV únense para render unha sentida homenaxe ao actor valdeorrés Gabriel Prada

O acto tiña lugar na tarde deste venres 21 de xullo xunto a un bo número de amigos e veciños

 

Brindando cun godello de Valdeorras, polo éxitos xa acadados e por todos os que virán, remataba a sentida homenaxe que na tarde deste venres 21 de xullo recibía o actor valdeorrés Gabriel Prada no Casino do Barco de Valdeorras.

O acto, organizado de forma conxunta polo Instituto de Estudos Valdeorreses que promovía a iniciativa e polo Casino que a ratificaba, era presentado polo propio presidente do IEV Aurelio Blanco, diante de veciños e amigos do homenaxeado, asegurando que hoxe cumpría o seu soño de “sentarse e fotografarse cun clown”. Porque ese, o “pallaso” é o personaxe, o estilo teatral, sobre o que xira a traxectoria profesional de Gabriel e que esta tarde cobraba unha vez máis vida, para agradecer a homenaxe.

 

 

Antes de que o propio actor se dirixise aos asistentes, era o presidente da Asociación Casino quen interviña, asegurando que coñeceron a Gabriel (ex compoñente do grupo de teatro Gargalladad) como “ese magnífico actor que ten levado a Galicia e moi especialmente ao seu pobo, por numerosos teatros tanto nacionais como internacionais, nesta faceta de clown coa que tantas veces arrincaches un sorriso case sanador”, desexándolle grandes éxitos na nova aventura persoal e profesional que ten en marcha, esperando “e desando como lagartos ao sol que o teu soño de crear unha escola de teatro internacional na Rúa non sexa unha quimera, ou si, porque as túas ‘quimeras’ sempre son exitosas”.

 

 

A presentación de Gabriel corría por conta da vicesecretaria do Casino Marta Vidal, encargada de dar paso ao homenaxeado que prefería ler para non perder o fío, facendo un percorrido polos seus inicios no mundo da interpretación, da que fixo a súa profesón e paixón, cunha lembranza e saúdo especial e moi sentido ao que foi o seu mestre, o tamén valdeorrés Paco González “o mellor actor de clown de Europa”, a quen lle debe o que é e adica cada unha das súas representacións.

 

 

Convertido por uns intres nese “pallaso” polo que é recoñecido, asegurando que “a vida é amor” e ante sonoros aplausos, Gabriel Prada recollía de mans do presidente do IEV os agasallos que para el tiñan preparados, dende unha figura que se lle parece e a casualidade quixo que Aurelio Blanco atopara, ata uns zapatos ou un peine. Tampouco faltou un exemplar do libro Ourensáns Ilustres que a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e deputada provincial Mª Carmen González, presente en representación da Deputación de Ourense, lle entregaba desexando “que algún día figures nel” e agradecendo a “ilusión e o sorriso que nos traes neste día especialmente triste polo accidente mortal acontecido esta mañá nunha canteira valdeorresa, e no que é o meu primeiro acto como deputada”, dixo.

De seguido e como broche, os asistentes brindaron polo “éxito que acompañará a Gabriel e a Rosi Lage, na súa nova aventura, Almar, por terras de Cataluña, outras rexións de España e países Iberoamericanos”, en palabras do presidente do IEV.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button