ConcellosEn portadaÚltima hora

O Castiñeiro de Pombariños (Manzaneda) posúe un dos troncos de maior diámetro de Galicia

Nas árbores senlleiras galegas céntrase a conferencia de mañá a cargo de Antonio Rigueiro, catedrático da USC, nas xornadas Luis Asorey que promove a Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo

Castiñeiro de Pombariños, en Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), están a celebrar as “XXXIII Xornadas Luis Asorey” na cidade da muralla. Esta edición céntrase en “O capital natural e os servizos ecosistémicos. A nova base da economía”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

Este ciclo conclúe mañá mércores, 23 de novembro, cunha conferencia sobre “Árbores senlleiras de Galicia: un patrimonio natural valioso”. Impartiraa Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presidente da Asociación Forestal de Galicia, académico numerario da RAGC e coordinador deste ciclo.

A catalogación económica de árbores e arbustos pode empregarse para calcular a repercusión de catástrofes naturais, para fixar indemnizacións por accidentes de tráfico ou vandalismo… No transcurso desta xornada o catedrático explicará que Galicia conta desde o ano 2007 co Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, ”un catálogo oficial de árbores e formacións sobresaíntes e insubstituíbles, que representan un patrimonio natural e cultural importante e valioso que cómpre protexer e poñelo en valor”, salienta.

Na súa intervención analizará a evolución histórica da catalogación do arboredo singular na nosa comunidade, destacará algúns monumentos vexetais de especial significación e exporá a valoración económica dos exemplares relevantes segundo a Norma Granada, que é o método de valoración de arboredo monumental máis empregado en España e o de maior difusión internacional en lingua española. Ademais, este método de taxación económica de árbores e arbustos pode empregarse en casos de expropiacións, para calcular a repercusión de catástrofes naturais, para fixar indemnizacións por accidentes de tráfico ou vandalismo, na regulación mediante ordenanzas e normas urbanísticas…

Na actualidade o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia reúne 182 monumentos vexetais: 144 árbores e 38 formacións ornamentais ou grupos de árbores. É un catálogo vivo, ao que se seguen a incorporar exemplares e formacións e tamén se descatalogan outros que morren ou perden os valores que motivaron a súa inclusión. Tal como indica Rigueiro, “as provincias que achegan máis elementos ao catálogo son A Coruña e Pontevedra, posto que a maioría destas árbores atópanse en parques e xardíns públicos e privados e é na fachada atlántica de Galicia onde temos os mellores espazos axardinados tanto públicos como privados, destacando entre estes últimos os pazos”.

 

 

Antonio Rigueiro.

 

Os valores ou méritos que se teñen en conta para catalogar un exemplar ou unha formación son de índole diversa: dendrometría (medida das dimensións, forma e volume), idade, aspectos culturais e científicos… A maior parte dos monumentos vexetais galegos catalogados fórono pola súa dendrometría e idade, xa que se trata de árbores centenarias de grandes dimensións.

Entre os monumentos vexetais da nosa comunidade, o experto cita como exemplo o castiñeiro de Pombariños, situado en Manzaneda, cun dos troncos de maior diámetro de Galicia (12,15 metros); o souto de Catasós, en Lalín (Pontevedra), no que medran os castiñeiros de mellor porte forestal de Europa, segundo técnicos da FAO; o carballo de Cartelos, en Carballedo (Lugo), un dos máis altos de Galicia e de España (35 metros); ou o chamado popularmente “o avó”, un eucalipto do Souto da Retorta de Chavín, en Viveiro (Lugo), un dos máis grandes de Europa (61,78 metros de altura).

En canto á valoración económica, destaca a camelia “Pantalóns” do Pazo de Lens, no concello coruñés de Ames, valorada en 1.608.229,96 €, o exemplar ornamental máis valioso de Galicia. Pola súa parte, o valor do castiñeiro de Soutogrande, en Vilariño de Conso (Ourense), ascende a 758.957,56 €.

Catro décadas dedicado á investigación no eido forestal

Antonio Rigueiro ten unha traxectoria de catro décadas dedicado á investigación. Enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid, a súa actividade investigadora centrouse en catro liñas: efectos ecolóxicos do cultivo dos eucaliptos, ecoloxía dos montes galegos, botánica e sistemas silvopastorais, sendo pioneiro en Galicia e seguramente en España no desenvolvemento de proxectos de investigación competitivos na liña de investigación de silvopastoralismo. En 1989-1990 ocupou o cargo de subdirector xeral de Universidades e Investigación na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Na actualidade é coordinador de grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais da USC.

É membro do Comité de Árbores Senlleiras, do Observatorio da Biodiversidade e do Observatorio da Paisaxe da Xunta de Galicia; membro do Consello Reitor da Reserva da Biosfera dos Ancares; presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume; membro da Sociedad Española de Ciencias Forestales, da Sociedade de Ciencias de Galicia e do Consello Forestal de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button