CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima horaVídeos

O CD Barco afronta a nova tempada con “humildade, traballo e unión” para volver a 3ª

O plantel do primeiro equipo era presentado na tarde deste mércores 2 de agosto en Calabagueiros antes do primeiro adestramento da pretempada

 

“A vosa sorte será a nosa e oxalá que o ano que vén estemos nas festas de Santa Rita desfrutando dese ascenso tan desexado”. Con estas palabras remataba o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, a súa intervención diante do novo equipo co que o club fará fronte á tempada 2023/2024.

Unha tempada que disputará este ano en Preferente contando con once novas incorporacións (Van der Laan, Sito Cruz, Eric, Ocampo, Omar, Isi, Keita, Sergio, Rogério, Juanito Bazo e Aleixo Cabral) e sete renovacións (Pacho, Konaté, Rubén García, Carlos Cruz, Javi Pazos, Óscar Martín e Manu). No corpo técnico, o novo adestrador Héctor Otero (anterior preparador físico) contará con Marcos, Gunty, Nando e Roberto.

 

O míster, Hector Otero, na presentación.
Os porteiros co seu adestrador, Nando.

 

Todos, a excepción de Konaté que non deu chegado, comezaban a pretempada na tarde deste mércores 2 de agosto no campo de fútbol de Calabagueiros, co primeiro adestramento xusto despois da presentación oficial. Sobre o terreo de xogo, o presidente dirixíase a xogadores e corpo técnico para darlles oficialmente a benvida, agradecendo de forma especial a Tano “o labor que leva feito este ano porque lle custou confeccionar o equipo, pero ao final conseguiuno e fixo o que nós lle pedimos e quixemos”, así como “a toda xente que volveu, mostra de que estaban contentos con nós, e sobre todo á que quedou porque todos apostaban por xogar no Barco pero non en Preferente”.

 

Fichaxes.
Corpo técnico.
O presidente. Nilo Ramos.

 

Con respecto á actual situación do club, Nilo asegurou que son os favoritos ao ascenso. “Todos din que somos un equipo de Terceira en Preferente pero a verdade é que somos un equipo de Preferente en Preferente e vainos custar sangue, sudor e bágoas porque é unha categoría moi complicada”, asegurou Ramos, explicando que “a única diferenza con Terceira é que aí 3-4 equipos queren ascender a 2ª RFEF e o resto salvarse e en Preferente dos 18 equipos, 14 queren subir e catro salvarse, para que vexades a competencia que haberá”. Por iso, aos presentes pediulles “traballo, humildade e unión e sobre todo que desfrutedes. Así e facendo o que nos gusta teñen que vir os resultados”, dixo, adiantando que este ano estará moi enriba do equipo. “Vou ser aínda máis esixente que o corpo técnico”, remataba.

 

Julio Quintas con Juanito Bazo.

 

O acto contaba coa presenza dos concelleiros Aurentino Alonso e Jesús Jares en representación do Concello, sendo Alonso o encargado de darlles a benvida asegurando que “somos un pobo de acollida, tanto a nivel social como persoal e mesmo gastronómico, un lugar onde ninguén e forasteiro, polo que desexamos que desfrutedes de todo isto que vos rodea”, dixo dirixíndose especialmente aos novos que veñen de fóra.

Pola súa banda ,o míster asegurou que saben a camiseta que levan e “o que nos queda a nós para responder á afección, á directiva e a toda esa xente que aposta, é defender as cores da mellor maneira, semana a semana no campo, con traballo e, se Deus quere, con resultados”.

 

Parte da directica do club.
Plantel do CD Barco para a tempada 2023/2024.

 

Por parte dos xogadores o máis veterano e veciño do Barco, Rubén García, aseguraba que intentarán devolver ao equipo a Terceira, “pola afección pero sobre todo pola directiva, porque sei ben o que custa facer un equipo no Barco e o esforzo que facedes”. Rubén recoñecía que as cousas poden saír mellor ou peor pero “hai que intentar correxir os erros do ano pasado, ser unha piña, remar na mesma dirección e pelexar polo escudo do Barco, para devolver ao equipo onde se merece”.

 

 

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button