Dende o Centro de Deportes Barco seguen perfilando a vindeira campaña na que pretenden recuperar todas as categorías base, dende prebenxamín ata xuvenil. “O ano pasado non tivemos os máis pequenos nin cadete pero para esta tempada queremos sacalos”, di o presidente do club, Nilo Ramos, adiantando que xa están abertas as inscrición e van a bo ritmo.
Con respecto á campaña de socios, parte importante para o club, sacaron 300 pegatinas co lema “Reservado para crecer” para repartir por locais e diferentes zonas da vila. Igual que na anterior tempada hai cinco carnés diferentes: Plantinum (180 euros); Familiar (130 euros); Ouro (110 euros); Socio (90 euros); e Estudante (50 euros).
Como oferta especial quen o retire antes do 25 de agosto terá un desconto de 10 euros e “se traen un novo socio terán os dous 10 euros de desconto”, adianta o presidente.
A retirada anticipada de carnés pode facerse no Bar Makoki, na Frutería Fina e Mar, na Churrería A General, na Perruquería Nilo; no Bar La Placita; e no propio Campo de Fútbol.