CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

O CD Barco contará, por primeira vez na súa historia, cun equipo filial

Na tarde deste xoves 13 de xullo celebrábase a asemblea xeral na que se aprobaban as contas con superávit

 

O Centro de Deportes Barco contará, por primeira vez no seu medio século de vida, cun equipo filial. Así o acordaban na asemblea de socios celebraba na tarde deste xoves 13 de xullo no salón de actos do Edificio Multiusos, no Barco.

Unha asemblea na que a directiva presidida por Nilo Ramos presentaba unhas “contas inmaculadas” con superávit, que lles permitirá crear o equipo filial de cara á tempada 2024/2025. “Para a que empezará en setembro iamos moi xustos pero para a seguinte si o faremos, porque tendo sempre superávit é unha mágoa que moitos xogadores da casa acaben marchando a outros equipos da zona. Así quen queira quedar e xogar no Barco poderá facelo”, asegura Nilo, destacando a boa situación económica que lles permite configurar un bo plantel  para que o primeiro equipo poida afronta a vindeira tempada sen problemas e co regreso a Terceira RFEF como meta.

 

 

Nilo recoñece que é un obxectivo “complicado” pero farán todo o que esté nas súas mans para logralo. Aínda lles faltan 3-4 xogadores que esperan “marquen a diferenza” pero van compoñendo o equipo pouco a pouco. “Aínda nos queda tempo para o inicio da pretempada así que nese aspecto estamos tranquilos”, di o presidente do CD Barco, adiantando que na tempada 2023/2024 tamén sacarán equipos nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e xuvenil.

Entre outros temas, na asemblea á que acudían unha corentena de socios, tamén se aprobaba manter a cuota de carnés de cara á vindeira tempada: 50 euros o de estudante; 80 euros o normal; 120 euros o carné ouro; e 140 euros o familiar. Ademais, igual que o ano pasado, quen retire o carné de socio antes do 20 de agosto, terá un 10% de desconto.

Fotos: A.R.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button