CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima hora

O CD Barco convida aos nenos ao partido do domingo en Calabagueiros contra o Atlético Arnoia

Repartirán 5.000 entradas nos centros educativos de Valdeorras, Viana do Bolo, Trives, Manzaneda, Quiroga e Puente Domingo Flórez e nalgúns establecementos do CCA O Barco

 

Un ano máis, en colaboración co CCA O Barco e o Concello así como empresas patrocinadoras, o Centro de Deportes Barco convida aos nenos de Valdeorras, Viana do Bolo, Trives, Quiroga e Puente Domingo Flórez a asistir, xunto aos seus pais, a un partido de liga.

Nesta ocasión elixían como “o partido dos nenos”, o derbi ourensán CD Barco-Atlético Arnoia que se disputará o vindeiro domingo 14 de abril no campo municipal de Calabagueiros, a partir das 17:15 horas.

 

 

As invitacións, un total de 5.000, repartiranse nos colexios e nos establecementos asociados ao CCA O Barco cuxos clientes son maioritariamente nenos e xoves afeccionados ao deporte como librerías, tendas de deportes ou informática “aínda que a maioría xa as están repartindo os xogadores nos colexios”, aseguraba o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, na presentación da campaña que tiña lugar no mediodía deste mércores na praza do Concello do Barco.

 

 

Nilo aproveitaba o acto para animar aos nenos a asistir ao partido e dar forza ao equipo nunha tempada “que non está sendo o esperado”, destacando que no descanso sortarán unha serie de agasallos (camisetas donadas por Iago Aspas do Celta, de Denis Suárez do Villarreal, do 50ª aniversario do CD Barco…) desexando que todo saia ben “e ganemos que é o que nos interesa”.

Na presentación tamén estaba o presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias que loaba esta “gran iniciativa para que todos os nenos desfruten do partido”, dixo, animando ao equipo e asegurando que “son etapas e pasa en todos os equipos, unhas veces están arriba e outras abaixo pero seguro que ao final de tempada están onde deben un ano máis”. Acompañando a Nilo estaban dous membros da directiva e tamén asistía a concelleira de Comercio e Turismo, Alba Rodríguez, en representación do Concello, asegurando que “é unha honra para esta vila ter un equipo como o CD Barco”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button