O Centro de Deportes Barco en particular e o fútbol valdeorrés en xeral, están de loito. Na madrugada deste xoves 30 de xaneiro falecía no Barco un dos seus, Nicolás Núñez Oviedo, aos 81 anos de idade.
Delicado de saúde, levaba tempo sen acudir ao campo pero durante boa parte da súa vida e case toda a historia do CD Barco, formou parte do club que supera xa o medio século, ante todo como afeccionado pero tamén como directivo e tamén presidente.
Como un dos homes que vivíu por e para o fútbol ao longo da historia do club vermello, a súa figura destaca especialmente na tempada 2001-2002 cando se poñía á fronte, regresando tres anos despois “porque dende a Federación nos dicían que se alguén non collía o club desaparecería”, aseguraba o propio Nicolás a este medio, lembrando que compartíu traballos e penas con Pepe Prenda e tamén coa directiva presidida por Agustín Núñez entre o 2003 e o 2004. Trala súa partida e a xestora formada por Nicolás e Prenda, o equipo baixaba a 2ª Rexional quedando de novo a expensas de que alguén se fixese cargo do club.
Era Daniel Ramos e o seu equipo quenes collían a rendas en 2005, seguindo no cargo, e os que hoxe choran a perda do patriarca dunha familia fortemente vinculada ao club, “dende o seu fillo Nico que foi xogador ou seu neto Ramos que tambén xogou, ata a súa muller, Rita, todos moi boa xente”, di Nilo, adiantando que no partido deste domingo en Calabagueiros contra o CD Choco, gardarán un minuto de silencio na súa memoria. O partido comezará ás 17 horas e a directiva convidará aos asistentes a “unha cunca do Caldo da Rena”. Tamén será o “medio día do club” con prezos populares (socio, 5 euros).
A capela ardente de Nicolás Núñez Oviedo está na Sala 2 do Tanatorio Santa Rita e o funeral será mañá, venres 31 de xaneiro ás 15:30 hhoras na Igrexa de Santo Tirso de Veigamuíños seguido do sepelio no cemiterio da devandita localidade barquense.