A familia do Centro de Deportes Barco está de loito. Preto da medianoite do domingo 20 de abril (Pascua), falecía aos 55 anos Juan Enrique Guntiñas Roo, membro da directiva e amigo persoal do presidente, Nilo Ramos, co que entraba hai vinte anos.
“Juanín”, como o chamaban de forma cariñosa, levaba vinculado ao CD Barco dende que o seu fillo, Iván “Gunti”, xogaba nas categorías inferiores, pero era no ano 2005 cando entraba na directiva, sendo ademais amigo de Nilo xa dende nenos. “Criámonos porta con porta, nas Casas Baratas”, di, emocionado, explicando que estivo moitos anos como coordinador da base ata que o deixou e quedou na xunta directiva, en diferentes cargos. “Era quen levaba a megafonía, pintaba o campo de fútbol, levaba a lavandería,… facía un pouco de todo, era un todoterreo pero non lle gustaba figurar nin saír nas fotos, case nunca se quería poñer”, di Ramos.
E así seguía ata o ano pasado. Enfermaba en xaneiro pero non era ata o mes de maio cando empeoraba (estando varios días en coma), desvinculándose do campo de fútbol e da súa vida social. Era moi duro e daquela salvou pero estaba tocado e malia ir tirando a semana pasada volvía empeorar ata que o seu corpo xa non aguantou máis.
A súa muller, Antonia Santalla “Toña” é do Mazo, de aí a súa vinculación co Concello de Vilamartín onde foi concelleiro na última lexislatura xunto ao socialista Enrique Álvarez (posto que deixou cando enfermou), formando tamén parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
A capela ardente de “Juanín” estará no Tanatorio Santa Rita a partir das 16:30 horas deste luns 21 de abril e o funeral será mañá, martes, ás 12:30 horas na Igrexa de Santa Rita, seguido do sepelio no cemiterio da localidade onde familiares, amigos e coñecidos poderán darlle o último adeus.