En portadaÚltima hora

O CD Barco quédase ás portas do soño de ascenso a Segunda B

A ilusión do conxunto valdeorrés non foi suficiente para derrotar a un SD Compostela que foi superior

 

O CD Barco enfrontábase neste caloroso 18 de xullo ao SD Compostela nun partido único, unha semifinal de ascenso a Segunda División B, e ademais nun escenario inmellorable, o estadio de Primeira División de Balaídos (Vigo). Antes de comezar o partido, os equipos gardaron un minuto de silencio polas vítimas do Covid-19.

Aínda que o partido tivo que xogarse a porta pechada pola situación sanitaria, o equipo saíu con moitas ganas ao céspede do estadio vigués. O conxunto barquense cun once titular formado polo gardameta Iván Oviedo e os xogadores Oli, Javi, Omar, Ivi Vales, Juanito Bazo, David Álvarez, Rubén García, Segura, Íñigo Pisón e Moreira.

O equipo valdeorrés comezaba presionando arriba, cun primeiro lanzamento da David Álvarez que foi atrapado polo gardameta do SD Compostela, Pato. Sen embargo, o conxunto compostelán non quedou atrás nos primeiros minutos do partido, exercendo presión arriba e chegando xa o primeiro gol no minuto 8 da man de Jimmy.

Dez minutos despois, no 18, chegaba o corner que lle daría o segundo gol ao SD Compostela, da man de Óscar Primo, cun rebote no primeiro pau, e erros na posición dos xogadores do CD Barco.

 

 

No minuto 29 producíase una falta a prol do conxunto valdeorrés. A primeira ocasión do CD Barco finalmente remataba na barreira e en fóra de xogo. Así, tras esta ocasión fíxose unha pausa para beber debido á calor en Balaídos, onde as temperaturas rozaban os trinta graos.

Fíxose esperar o primeiro gol do CD Barco ata o minuto 43, por parte de David Álvarez, cun lanzamento directo que pegaba no primeiro pau e que devolvía as esperanzas ao conxunto valdeorrés.

Caendo a tarde en Vigo, comezaba a segunda parte do partido, cun cartón amarelo por unha falta sobre Moreiras, o primeiro do partido, para o xogador do SD Compostela, Pablo Antas.

Así, o porteiro do CD Barco, Iván Oviedo, detiña unha clara ocasión de Bicho, cun disparo directo; e de seguido, no minuto 65, o gardameta volvía facer unha parada de gran calidade procendente dun remate de Baleato.

Finalmente a pesar dos bos últimos minutos que fixeron os de Valdeorras, no tempo de desconto sentenciou Gabri Palmás do SD Compostela cun gol que deixou o marcador cun 3-1 que deixou aos barquenses fóra do play off. Os erros do CD Barco na defensa e a presión continua do conxunto compostelán esvaeceron o soño do equipo vermello de conseguir o ascenso a Segunda División B.

Texto: Alba Prada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/manolo-perez-fomos-capaces-de-ter-paixon-pero-non-foi-suficiente-para-recortar-distancias/

Artigos relacionados

Back to top button