En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O CD Barco recolle o trofeo de campión de liga diante da afección na recepción oficial no Concello

 

Queda a celebración do propio club, que previsiblemente se fará o domingo, pero na tarde deste mércores 14 de maio era recibido con todas as honras no Concello, diante da afección.

Pasadas as oito e media e co ambiente quente na praza, o equipo sénior do Centro de Deportes Barco que o pasado domingo se proclamaba campión de liga ascendendo á Terceira RFEF, saía ao balcón do edificio do antigo consistorio para saudar ao público que esperaba expectante. Sidibé era o encargado de presentar un a un aos xogadores que fixeron posible o ascenso, regresando á categoría que deixaban hai dúas tempadas. Despois tocáballe o turno ao equipo técnico co míster Lino Estévez á cabeza; e por último facía acto de presenza o presidente do club, Nilo Ramos acompañado polo alcalde, Alfredo García e o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso.

 

 

Coa afección aplaudindo, recibían o trofeo de campión de liga de mans do delegado da RFGF, Raúl Rois que levantaba o presidente e o xogador máis veterano Rubén García que se despedía da afección. Nas intervencións, houbo recordos para os que xa non están, como Juanín recentemente falecido, felicitacións e tamén peticións: “queremos a Copa”, berraba o público. Despois, baixaban todos  á praza para compartir o trofeo coa afección.

 

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button