En portadaÚltima hora

O CD Barco reencóntrase coa vitoria en casa ante o Estradense, na estrea de Hormiga na portería

Co 2-1 remataba o partido disputado na tarde deste domingo 22 de xaneiro en Calabagueiros

 

Un día despois de que o gardameta titular do CD Barco, Aitor Arias, xogase o último partido no club barquense, chegaba a Valdeorras o seu substituto, Álvaro Hormiga Vera.

 

Álvaro Hormiga, novo porteiro do CD Barco.

 

O porteiro ambidiestro de 22 anos natural de Fuerteventura (Las Palmas) chegaba ao club vermello procedente do Burgos Promesas CF estreándose na tarde deste domingo 22 de xaneiro en casa ante o CD Estradense.

 

 

O campo municipal de Calabagueiros acollía, nesta soleada pero fría tarde, o partido correspondente á xornada 17 en Terceira RFEF que enfrontaba sobre o céspede a CD Barco e CD Estradense. Os vermellos, na zona de descenso, necesitaban os tres puntos en xogo e, aínda que eran os visitantes os que se adiantaban no marcador, lograban o obxectivo reencontrándose coa vitoria diante da afección.

 

 

Corría o minuto 28 cando os da Estrada transformaban un penalti, rematando a primeira parte co marcador 0-1. Tralo paso polo vestiario e malia o marcador en contra, o xogo dos vermellos ganou en intensidade e acerto igualando a conta grazas ao gol de Álex Rey no 66′. Os vermellos seguían apretando e xa no 87′, preto do final, Óscar Martín sorprendía ao gardameta pontevedrés poñendo o 2-1 no marcador e levantando ás bancadas de Calabagueiros.

 

 

Con este resultado, o CD Barco que cumple este ano o medio século de historia, sitúase no posto 12º con 20 puntos, a cinco da zona de promoción. A seguinte cita será no campo do Arzúa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button