Despois de debutar co Deportivo con tan só 16 anos e ser internacional sub 17 coa selección española de fútbol, foron moitos os equipos polos que pasou Iago Beceiro (A Coruña, 1993), entre eles o Verín CF ou o Ponferradina que o cedía ao Navalcarnero (equipo no que comezou a tempada), ata recalar no Centro de Deportes Barco.
Dende hai uns días, este xove e polivalente futbolista (é dianteiro centro pero pode xogar en todas as posicións de ataque) é a nova aposta do club barquense. “É un gran reforzo, para min dos máis importantes nos últimos 12 anos. Apostamos moi duro e esperamos moito del”. Así o presentaba o presidende do CD Barco, Daniel Ramos, na tarde do 9 de xaneiro, á espera de que debute o antes posible “temos poucos efectivos e estará a disposición do míster que será quen decida”, dixo Nilo, asegurando que o potencial do xogador está fóra de toda dúbida e “penso que vai aportar moito a este club”.
Con esa idea chega Beceiro, quen asegurou que grazas ao empeño de Nilo e tras unhas conversacións complicadas, agora forma parte do CD Barco, un equipo ao que espera axudar. “Espero poñerme a tope o antes posible para dar tardes de bo fútbol e que a xente o pase ben, gañar partidos e subir posicións e se se pode entrar nos play off, sería algo moi bonito”, dixo.
A outra fichaxe de inverno do Centro de Deportes Barco é Dani Alcalde que vén da canteira do Sporting de Xixón. “E un medio ofensivo que tamén pode xogar por banda e incluso como dianteiro. Ten 20 anos e informes moi bos e moita ilusión. Vén dun fútbol complicado como é o tailandés e esperamos que pronto se poña a tono e nos axude a sumar”, asegurou o presidente do club explicando que teñen un plantel bastante compensado aínda que algo pasado de idade, un hándicap que intentan compensar cos novos xogadores Iago e Dani, e mesmo o portugués Clayton que está a proba, “buscamos máis fondo e sobre todo máis xuventude para darlle empaque ao equipo”.
Fotos: Mónica G. Bellver