CD BarcoDeportesEn portadaFútbolGalerías de fotosÚltima hora

O CD Barco vence ao Atl. Arnoia e celebra coa afección o pase aos play off de ascenso a 2ª RFEF

Co 3-0 remataba o último partido da liga regular en 3ª RFEF, disputado en Calabagueiros

 

Non podía fallar e non o fixo. Para lograr o pase aos play off que lle permita loitar unha vez máis polo ascenso a segunda, o equipo do CD Barco que adestra Javier Rey estaba obrigado a vencer esta tarde, no último partido da liga regular en 3ª RFEF que se disputaba en casa, no campo de Calabagueiros. E así o facía, cun contundente 3-0 ante o Atlético Arnoia que non deixou lugar a dúbidas.

 

Un afeccionado bicando o escudo do CD Barco.

 

Para animar ao equipo, como tantas outras veces o fixeron, os afeccionados enchían as bancadas atendendo a chamada do propio club que ofrecía entrada de balde para tinguir de vermello e azul o campo, poñéndose en pé con cada gol e celebrando co equipo (xogadores, corpo técnico e directiva) a vitoria final.

 

Morais, autor de dous dos goles desta tarde.

 

O partido entre os dous equipos ourensáns (o ex adestrador do Barco, Iván González, dirixiu esta tempada ao Arnoia), comezaba cuns primeiros compases de recoñecemento ata que no minuto 15 Morais poñía o 1-0 no marcador deixando claras as súas intencións. Pouco despois, no minuto 26, era Javi Pazos quen anotaba na casilla local. Pero a cousa non quedaba aí e antes de rematar a primeira metade, no minto 37, Morais volvía marcar un golzado poñendo o 3-0.

 

O equipo barquense aplaudíndolle á afección dende o terreo de xogo.

 

En contra do que podía parecer non había máis goles e con este resultado chegaba o final dun encontro no que Javi Rey esgotaba os cambios reglamentarios, dándolle minutos a practicamente todos os xogadores. Nun primeiro triple troco, entraban Rodri Alonso, Carlos Cruz e Juanma Justo por Andrés Calvo, Óscar Martín e David Álvarez; despois, Carlos Villar entraba por Víctor Óliver; e finalmente o porteiro Pacho entraba a substituír a Aitor Ramos.

 

O presidente do CD Barco, Nilo Ramos, felicitando aos xogadores.

 

Con este resultado, Calabagueiros enteiro vibraba á espera de coñecer o primeiro partido da fase de promoción co que volver soñar no posible ascenso, da man do equipo vermello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button