En portadaÚltima horaVídeos

O CD Rúa lévase o concorrido e animado ‘derbi do viño’ ante o CD Córgomo Vilamartín

Co 4-1 remataba o partido disputado na tarde deste domingo 12 de marzo no campo rues Vicente Solarat Maceda

 

Ata a bandeira. Había tempo que o campo Vicente Solarat Maceda da Rúa non estaba tan cheo de afeccionados. E non era para menos. Na tarde deste domingo 12 de marzo disputábase no campo de fútbol rues o esperado e promocionado ‘derbi do viño’ entre os dous primeiros clasificados do grupo 3 da Segunda Galicia.

 

 

Dun lado do campo o equipo local, o CD Rúa que dirixe Javier Ferrer con máis de 50 anos de historia; do outro o CD Córgomo Vilamartín nacido o ano pasado e ás ordes de Jesús Álvarez. Empatados a puntos aínda que os de Vilamartín xogaron dous partidos menos, o encontro prevíase moi igualado en canto a xogo e así era durante a primeira parte.

 

 

Aínda que ambos equipos tiveron varias tentativas e achegamentos á portería rival, o balón non entraba chegando ao descanso co 0-0 no marcador. Tralo paso polo vestiario o equipo amarelo empezou a mostrarse máis activo e efectivo chegando o primeiro gol no minuto 68 da man de Cotarelo. Coma se ese tanto servise de detonante apenas tres minutos despois Vidal respondía empatando o partido. Con todo, a partir de aí o partido foi do Rúa que marcaba outros tres goles rozando xa o final. Bruno marcaba no minuto 84, Berto no 87′ e Hugo no 90′, rematando o partido co 4-1 final.

 

 

Con este resultado o Rúa volve encabezar a clasificación con 49 puntos (empatado co segundo o CD Viana), mentres que o Córgomo sitíase no cuarto posto con 46.

 

 

Como todo derbi que se precie o resultado é importante, pero o máis destacado do partido vivido esta calurosa tarde de domingo na Rúa foi sen dúbida a afección. Seareiros dun e outro equipo enchían a bancada e tamén a zona que rodea ao terreo de xogo, animando aos xogadores, nun partido no que reinou a deportividade, destacando a colaboración de varias adegas para o sorteo de botellas de viño que tiña lugar durante o descanso.

 

 

Na recta final da liga, a vindeira xornada será de descanso para o CD Rúa mentres que o CD Córgomo Vilamartín disputará outro derbi co Viana (2º clasificado) que xogarán no Campiño de Viloira.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button