OurenseÚltima hora

O Cecop acorda permitir a ocupación de vehículos con máis dun traballador nos desprazamentos laborais de sectores críticos

Entre outras medida, tamén se decidía suspender o servizo da Inspección Técnica de Vehículos (ITV)

Reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación Operativa posto en marcha para facer fronte á emerxencia do coronavirus.

 

Durante a terceira reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), celebrada esta mañá, aprobábase a posibilidade de ocupar os vehículos con máis dun traballador nos desprazamentos laborais de sectores esenciais, “sempre que se garanta a seguridade laboral dos empregados”.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que esta medida favorecerá que os principais sectores críticos poidan manter a súa actividade, nos casos en que o traslado se fai a cargo da empresa en vehículos compartidos da súa titularidade ou porque os traballadores comparten vehículo ao carecer algún deles de coche propio.

Desta forma, poderán desprazarse dúas persoas en vehículos cunha ocupación máxima de cinco persoas; tres nos que teñan capacidade para sete persoas; catro se a ocupación máxima é para nove persoas; e para os que teñan unha capacidade maior a nove prazas, poderán compartir transporte o 30% da súa ocupación.

Rueda volveu insistir durante a súa comparecencia despois da reunión do Cecop na necesidade urxente de contar cos equipos de protección individual e mascarillas que o Goberno central se comprometera a facilitar ás comunidades. Nesta liña, destacou que este material é fundamental para que “os profesionais que están a traballar cada día na loita contra o coronavirus e que merecen unha resposta” poidan traballar con seguridade. Por iso, incidiu no traballo da Xunta na busca de provedores que poidan facilitar estes equipos.

No ámbito sanitario, o Cecop atendeu a solicitude do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e do Colexio Oficial de Podólogos para pechar todos os seus centros e unidades na nosa comunidade ao non poder garantir unha asistencia segura aos pacientes en situación de illamento. Tamén se acordou suspender o servizo da Inspección Técnica de Vehículos (ITV).

Por outra parte, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), levará a cabo a desinfección de case medio cento de centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Estes efectivos actuarán en 25 hospitais distribuídos nas sete cidades galegas, así como noutras localidades como Cee e Vilagarcía, xunto con outros 24 centros de saúde e de especialidades da comunidade.

Programación educativa

O alumnado galego contará desde este luns cun bloque de programación que se emitirá de luns a venres, de 11.00 a 13.00 horas, a través da segunda canle da Televisión de Galicia, G2. En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, esta iniciativa busca facilitarlles aos estudantes un complemento educativo aos contidos que están a recibir dos centros de ensino e conta cunha variada oferta de programas que se irá ampliando con achegas do sistema educativo galego.

Tamén neste ámbito educativo, o Cecop considerou que unha vez superada a primeira semana desde que se suspenderon as clases, permanecerá nos centros escolares unha persoa do equipo directivo o tempo necesario para atender ao alumnado e ás familias, ademais de para verificar o funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas e o estado do centro.

O Aprazamento do pago do alugueiro

Por outra parte, co obxectivo de causar o menor prexuízo posible aos adxudicatarios das vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en réxime de alugueiro e dos locais comerciais da súa propiedade alugados a particulares e asociacións, a Xunta decidiu non xirar os recibos desde abril e mentres se manteña a actual situación de estado de alarma. Nesta liña, o vicepresidente da Xunta indicou que “nesta crise sanitaria ninguén pode quedar atrás e o dereito á vivenda é un dos dereitos fundamentais da cidadanía”.

Máis de 3.500 familias aloxadas en vivendas de promoción pública do IGVS poderán beneficiarse deste aprazamento, así como os inquilinos de 42 locais comerciais alugados tamén por esta entidade. O importe total dos recibos correspondentes ao mes de abril é de 307.110 euros.

Así mesmo, a Xunta asumirá tamén a parte da renda que non cubre a axuda concedida ao abeiro do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero durante a vixencia das medidas excepcionais adoptadas en relación co COVID-19. Trátase duns 157.500 euros ao mes que se aboarán para pagar a renda pola vivenda duns 700 beneficiarios actuais do programa.

Aloxamentos de garda para acollemento temporal

Na liña de adaptar en Galicia a orde do Goberno central de suspender a apertura ao público dos aloxamentos turísticos, durante o encontro do Cecop a Xunta decidiu que poderán permanecer abertos os establecementos turísticos necesarios para acoller traballadores dos operadores de servizos de primeira necesidade e das empresas e provedores para asegurar o abastecemento e os servizos esenciais.

Ademais, facilitarase o aloxamento provisional aos turistas en tránsito que non poidan retornar aos seus domicilios e lugares de orixe desde que se decretou o peche dos establecementos. Tamén se propiciará a apertura de establecementos, en coordinación cos servizos sociais dos concellos, para acoller colectivos que presenten unha especial vulnerabilidade social como persoas sen fogar, en exclusión social ou vítimas de violencia de xénero.

Así, habilitaranse como mínimo un establecemento de garda en cada unha das sete grandes cidades para acollemento temporal e que poden estenderse a outras zonas onde fose necesario, sen que ningún deles supere o límite dun terzo da súa ocupación.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button