ConcellosManzanedaÚltima hora

O CEIP de Manzaneda celebra o Nadal cunha árbore de postais e agasallos para os maiores da residencia

Publicidade

 

Como un xeito de darlle a benvida ao Nadal, o alumnado do CEIP de Manzaneda realizaba na mañá deste 22 de decembro dúas actividades moi especiais. En primeiro lugar dirixíanse ata a residencia de maiores. É costume que cada ano por estas datas os escolares fagan nas súas instalacións unha exposición de postais e tamén unha actuación para os maiores. Sen embargo, desta volta, debido á situación derivada do Covid esta actividade suspendeuse.

Aínda así, o colexio non renunciaba a homenaxear aos maiores e poñíase en marcha unha proposta alternativa. Así os escolares preparaban coas súas mans unha serie de agasallos para eles que neste martes depositaban, acompañados polas profesoras, á entrada da residencia, onde ademais interpretaban unha canción.

Despois, achegábanse ata a praza de Estía, onde o Concello vén de colocar unha árbore de madeira. E nela ían pendurando, xunto ao alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, as postais que pintaban días atrás e que ademais plastificaban. Aí quedarán expostas ao longo de todas as festas para que poidan ser vistas polos veciños do municipio compartindo así os seus bos desexos nestas datas con todos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button