ConcellosManzanedaÚltima hora

O CEIP de Manzaneda estrea pista multideporte para uso escolar e da cidadanía

 

Nova pista multideporte no colexio CEIP de Manzaneda. Este centro conta cunha das cinco infraestruturas deste tipo que a Xunta pon en marcha este ano na provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. As novas instalacións lúdico-deportivas inauguradas en Manzaneda son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía. Constan dun céspede apto para parques infantís e para uso deportivo, polo que permite practicar distintos xogos infantís ao tempo que deportes como o fútbol, baloncesto, balonmán, tenis, bádminton, voleibol, hockey herba e todas as distintas variantes.

Trátase dunha infraestrutura na que se buscou a eficacia de deseño, adaptable a distintos espazos e medidas e acabados de aceiro e madeira que lle confiren durabilidade e mantemento doado. Xunto a esta actuación, a Consellería de Educación realizou tamén unha intervención no pavimento exterior do colexio, co que as dúas actuacións ascenden a un investimento de máis de 100.000 euros. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistía hoxe á inauguración desta nova pista acompañada, entre outras persoas, polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

 

 

As pistas multideporte son unha medida novidosa posta en marcha este ano polo Goberno autonómico en toda Galicia para promover unha vida sá entre o alumnado e permitir a práctica dun mínimo de cinco deportes nun espazo polifuncional.

En concreto, a Xunta promove estas pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios de titularidade municipal, cuxo deseño debía ser conforme aos modelos establecidos. En Ourense, xunto ao colexio de Manzaneda, tamén recibiron achegas os colexios Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives, o de Castrelo de Miño, o Otero Novas de Cortegada e o Valle Inclán en Muíños, cun investimento global de 300.000 euros. A Xunta financia ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares.

Artigos relacionados

Back to top button