ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP do Bolo celebra o “Día Internacional da Familia”

A comunidade educativa realizaba unha xornada de convivencia e participaba nunha carreira solidaria

A do 15 de maio era unha data especial no CEIP do Bolo. A súa comunidade educativa celebraba nesa xornada o “Día Internacional da Familia”, que foi proclamado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1993.

“O obxectivo é aumentar o grao de concienciación con respecto aos temas relacionados coa familia e fomentar os vínculos familiares. A familia, polo tanto, é a unidade básica de toda sociedade e un lugar privilexiado para a educación. É ademais un lugar de crecemento, donde atopamos protección e seguridade”, explican dende a dirección deste colexio.

Ademais no marco desta celebración a comunidade educativa amosaba a súa solidariedade e reflexionaba sobre como mellorar a relación entre tódolos membros da mesma. “Este ano quixemos colaborar con Níxer poñendo a nosa pinga e organizando unha carreira solidaria. Esta unión de todos e a pequena aportación de cada un, axudará a máis de 10.000 nenos e nenas a ter auga, hixiene e saneamento. Porque cada gota conta e todos unidos podemos conseguilo!”, din dende o CEIP O Bolo

Así, facíase entrega dun agasallo ao comezar a carreira, uns dorsais e unhas pulseiras aportados por UNICEF. E ao remate da mesma entregábanse medallas e diplomas a todos os participantes.

Fotos: CEIP O Bolo

Artigos relacionados

Back to top button