
Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación entre os que está o CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas durante este curso co apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, cuxo obxectivo é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística…).
Por provincias, 54 centros son de Ourense (seis novos) e cada un deles ten asignada unha contía de entre 600 e 1.235 euros, en función do tipo de centro e do proposta presentada, para destinar fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar, así como para gastos derivados do funcionamento do club.
Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de alumnado para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso.
Normalmente estes clubs de lectura -cuxo espazo natural son as bibliotecas escolares- vense enriquecidos polo emprego das tecnoloxías da información e a comunicación (que contribúen á lectura en diversos soportes, permiten introducir as narrativas transmedia e facilitan a difusión de actividades), así como pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.
Ademais da dinamización a prol da lectura e ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida, os clubs de lectura tamén están concibidos como espazos de convivencia e de educación cidadá.



