ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O CEIP Julio Gurriarán do Barco, galardoado no Concurso Primavera das Letras da RAG

Recibía esta distinción pola súa adaptación musical do poema "Aí vén o maio" de Florencio Delgado Gurriarán

Alumnado do CEIP Julio Gurriarán interpretando “Aí vén o maio”./ Cedida.

 

O concurso escolar da Real Academia Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán xa ten gañadores. Os tres colexios premiados a través do proxecto Primavera das Letras polas súas contribucións á divulgación da vida e da obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 son o CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras), o CEIP de Seixalbo (Ourense) e o CEIP Fondo Nois (Foz).

Os versos de Florencio Delgado Gurriarán inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema “Aí vén o maio”, un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do mestre de Música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7000 visualizacións.

Adaptación do poema interpretada polo alumnado do CEIP Julio Gurriarán na Festa dos Maios do Barco

 

O colexio de Seixalbo presentou ao concurso Contádenos o voso Día das Letras de Florencio Delgado Gurriarán un vídeo breve, Un minuto con Florencio, que narra a vida do poeta valdeorrés con debuxos e a voz en off de alumnas e alumnos de sexto curso. A videocreación fíxose coa colaboración da canle Tik Tak Draw a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua do centro educativo. Suma preto de 6000 visualizacións en Youtube e foi presentada ademais fóra do ámbito escolar na Asociación Cultural As Agromadas de Seixalbo.

 

Alumnos do colexio de Seixalbo./ Cedida.

 

Entre outras actividades arredor da celebración do Día das Letras Galegas 2022, o profesorado do CEIP Fondo Nois argallou unha festa galego-mexicana para achegar o alumnado á traxectoria vital de Florencio Delgado Gurriarán, figura destacada do exilio galeguista en México, e amosoulles aos cativos e cativas, a partir dos seus “Poemas mexicanos”, distintas danzas do mundo. Un xogo interactivo sobre a vida de Florencio da man de Coguleo, a mascota da biblioteca escolar, biografías ilustradas, murais ou dramatizacións de episodios da vida do escritor son outras das propostas desenvolvidas dende o centro focense.

Entrega dos premios en outubro

A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado dos tres centros educativos que terá lugar na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.

O concurso Contádenos o voso Día das Letras conta co apoio da Deputación da Coruña, que patrocina o proxecto Primavera das Letras dende a súa posta en marcha no ano 2016. A que é a sétima edición desta iniciativa, centrada ata o momento na divulgación da figura á que a Real Academia Galega lle dedicada cada ano o Día das Letras Galegas, estreará este curso unha nova sección para profundar na divulgación da lingua galega entre o alumnado de infantil e primaria que será presentada proximamente.

Primavera das Letras comezou este ano unha nova andaina apostando por novas voces creadoras para contarlles a vida e o legado da figura protagonista do 17 de maio ao público máis novo. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, asinou a biografía dispoñible na páxina web do proxecto e a ilustradora Blanca Millán foi a encargada de darlle cor. O proxecto tamén ofrece, entre outras propostas, actividades interactivas sobre Florencio Delgado Gurriarán.

Artigos relacionados

Back to top button