CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Manuel Respino da Rúa e o CEIP Bermúdez Couso de Trives participan no programa ‘Recíclate con Sogama’

A fase formativa presencial desenvolverase ao longo de toda a semana nos 20 colexios galegos que participan nesta iniciativa, 6 da provincia de Ourense

Fachada do CEIP Manuel Respino.

 

Este luns 16 de xaneiro arrincaban no CPR Plurilingüe Divina Pastora-MM Franciscanas de Ourense as xornadas formativas presenciais enmarcadas no programa educativo R’ecíclate con Sogama’ 2022-2023, que aglutina a participación de 20 centros escolares de distintos puntos de Galicia, seis deles na provincia de Ourense entre os que están o CEIP Manuel Respino (A Rúa) e o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (Pobra de Trives).

Os colexios participantes xa recibiron os medios materiais para levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe conformados por illas de reciclaxe, que acollen á súa vez tres contedores (amarelo, azul e verde xenérico), con capacidade para 120 litros cada un, nos que a comunidade educativa debe depositar, respectivamente, os envases de plástico, latas e briks; o papel e cartón; e a fracción resto.

Así mesmo, aos centros que dispoñen de servizo de comedor ou ben que xeran unha cantidade importante de materia orgánica procedente das merendas, subministróuselles un composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, a través do cal transforman os restos orgánicos nun compost de alta calidade. Para incorporar a autocompostaxe, é necesario que as escolas conten tamén con terreo (horta e/ou xardín) no que aplicar o compost resultante, un abono de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e co que se consegue pechar o ciclo de recuperación e reciclaxe da materia orgánica.

 

Fachada do CEIP Bermúdez Couso.

 

Os monitores de Sogama realizarán visitas periódicas a todos os centros para seguir de preto os seus proxectos, resolver dúbidas, proporcionar información adicional, prestar asesoramento e acometer os axustes necesarios a fin de que o traballo realizado nos colexios sexa máis eficiente.

Na última visita, realizarán unha caracterización dos refugallos depositados nos tres contedores que conforman as illas de reciclaxe para cuantificar o grao de acerto, ou erro, na recollida selectiva dos refugallos. A puntuación obtida reflectirase no seu momento na avaliación global do proxecto desenvolvido polos distintos colexios, sendo necesario que, a finais de curso, cada un presente unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta.

Artigos relacionados

Back to top button