CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

O CEIP P. Julio Gurriarán do Barco, un dos participantes no programa escolar ‘Vexo, veo Xacobeo’

Na mañá deste mércores 4 de maio, os alumnos de Infantil recibían a visita do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén

 

Co obxectivo de difundir o Xacobeo 21-22 entre os 193.000 estudantes de Infantil e Primaria galegos, a través dun contido de calidade, interese e actualidade para estes alumnos e as súas familias, créase o proxecto ‘Vexo, veo Xacobeo’ no que os cativos de entre 3 e 11 anos son os protagonistas, converténdose en prescritores do Ano Santo.

Empregando unha simboloxía próxima a un xogo, ‘Vexo, veo Xacobeo’ describe un programa educativo multidisciplinar para achegar ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo, dotando aos centros educativos duns recursos didácticos e actividades educativas atractivas para os máis pequenos: unidade didáctica, vídeo-xogo do Camiño de Santiago, contacontos, saídas guiadas a tramos do Camiño… Cada centro educativo participante, presenta un produto final, un proxecto cuxa finalidade sexa a divulgación do Camiño de Santiago e do Xacobeo e os seus valores.

No programa participan 58 centros, nove deles na provincia de Ourense, de concellos polos que pasa o Camiño de Santiago. Un deses centros que se atopa inmerso no programa é o CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras, ata onde se desprazaba na mañá deste mércores 4 de maio o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para compartir cos alumnos de Infantil, os profesores e tamén o alcalde do Barco Alfredo García, entre outros, unha das actividades.

 

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na visita ao CEIP Julio Gurriarán.

 

O propio Alén explica que este é un programa de difusión da marca “Ano Santo Xacobeo” de Turismo de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do plan Proxecta de innovación, no que se desenvolven diferentes contidos en diferentes áreas de aprendizaxe e que inclúe actividades como o contacontos do que desfrutaban hoxe os nenos do Barco (con peregrino incluído) para “coñecer o Xacobeo e os seus elementos, un dos grandes recursos que temos en Galicia”, dixo.

O delegado lembra que esta é unha actividade máis das moitas que levaron a cabo dende a Xunta como “os instagramers ou as mulleres no camiño, e os concertos que vimos de anunciar para o verán, entre eles o que protagonizará o SilFest no Barco e pode que tamén traiamos algún para a Baco Festa da Rúa. E todo superando o peor da pandemia que nos obrigou a reprogramar as actividades no 2021 a un formato máis pequeno como O Teu Xacobeo, con actividades de todo tipo e menos masificadas. Agora podemos anunciar a guinda neste Ano Santo 2022 con grandes concertos”, concluía Alén.

 

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button