CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco, polo Camiño de Inverno

O alumnado de 5º Primaria está a levar a cabo o programa de Educación Patrimonial “Mirando polo Camiño”

 

Durante este curso 2020/2021, o alumnado de 5º de Primaria do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras está inmerso no programa de Educación Patrimonial “Mirando polo Camiño”, enmarcado no Plan Proxecta, ofertado pola Conselleria de Educación, Universidade e FP en colaboración, neste caso, coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A temática do proxecto xira en torno ao Camiño de Santiago, centrándose na ruta do Camiño de Inverno por ser esta a que transcorre pola localidade do centro, e ten como obxectivo “dar a coñecer ao alumnado o fenómeno do Camiño de Santiago, o patrimonio cultural, artístico, literario, etc máis próximo así como promocionar e facer visible a ruta do Camiño de Inverno á sociedade desta comarca”, explican dende o centro.

 

Os alumnos do CEIP Condesa de Fenosa na Igrexa de San Miguel, en Xagoaza.

 

O proxecto estano levando a cabo con diferentes actividades documentais, de investigación,… na aula, para as que contan coa colaboración de diferentes organismos e asociacións como a de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras.

Así, o pasado venres 21 de maio, o alumnado acompañado por profesorado do centro, participou nunha ruta guiada por un tramo do Camiño de Inverno contando co arqueólogo Santiago Ferrer que trasmitiu os seus coñecementos sobre o tema ao alumnado. “Tamén temos que agradecer a colaboración desinteresada da Adega Godeval por facilitarnos o coñecemento patrimonial do Mosteiro e cova de Xagoaza”, aseguran dende o Condesa.

 

Un momento da ruta feita onte.

 

Para continuar, nos vindeiros días e en colaboración con AEVA, os traballos artísticos realizados polo alumnado ao abeiro do proxecto, serán expostos nos escaparates dalgúns comercios da localidade. “Tamen terán lugar outras actividades no centro para as que se contará coa colaboración de grandes expertos na temática como son David Daniel Vázquez e Antonio Castro Voces”, puntualizan dende o colexio. Ademais, coa colaboración do Concello do Barco, instalarase un Xogo da Oca do Camiño de Inverno feito en lousa doada por Pizarras Los Tres Cuñados; farase tamén unha representación gráfica do trazado do Camiño de Inverno nunha zona visible da localidade; e instalarase un panel promocional do mesmo creado polo alumnado.

O proxecto terá continuidade o vindeiro curso académico no que, se a situación sanitaria o permite, se levarán a cabo actividades a pé de Camiño e coas que se tratará de dar a coñecer á sociedade valdeorresa o patrimonio artístico e cultural da ruta do Camiño de Inverno.

Fotos: CEIP Condesa de Fenosa.

Artigos relacionados

Back to top button