Un total de 80 centros públicos de toda Galicia -30 deles de nova incorporación- desenvolverán neste curso o programa “Radio na Biblio”, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar. Deses 30, oito son da provincia de Ourense, 5 renovan a súa participación (entre eles o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives) e 3 incorpóranse neste curso.
O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras é un dos centros que introducen neste curso o programa, recibindo fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de “favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe”, aseguran dende a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.