A RúaConcellosÚltima hora

O Centro Cultural Avenida da Rúa acollerá unha exposición sobre a emigración grazas ao convenio asinado con Abanca e Afundación

Poderá verse desde o 12 de marzo ata o 10 de abril

 

O Concello da Rúa asinaba na mañá deste xoves 6 de marzo un convenio de colaboración cultural con Abanca e Afundación para levar a cabo a exposición “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española non século XX”, que se poderá contemplar desde o 12 de marzo ata o 10 de abril no Centro Cultural Avenida da Rúa.

Ao acto de sinatura asistían a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert; o concelleiro de Cultura do Concello da Rúa, José Vicente Solarat; o director da oficina de Abanca na Rúa, Alberto Domaica; o coordinador institucional de Abanca en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

 

 

Esta colaboración forma parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como “un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo”, e grazas ao cal Afundación, a Obra Social de Abanca, “impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”.

A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é “tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época”, din dende Afundación. É pois a historia de “millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir”, en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.

Artigos relacionados

Back to top button