
Apenas quedan tres días para a final da Copa Deputación de Ourense de afeccionados que enfrontará ao CD Barco e ao Verín CF no Couto. Un partido para o cal o club barquense espera outro desprazamento masivo ata a cidade das Burgas, entre 500 e 700 afeccionados.
Mostra dese interese por asistir ao partido que porá o broche á tempada, é que xa están esgotadas as primeiras 500 camisetas de edición limitada que o club puxo á venda para a ocasión. “Esperemos que o noso distribuidor teña para mañá o segundo pedido”, di o presidente do CD Barco Nilo Ramos agradecendo, no seu nome e no de toda a directiva, “aos nosos socios e Peña Ultrasil por todas as iniciativas que están a levar a cabo estes días como a creación da ‘Zona Barco Fan’ que estará instalada de 13:30 a 15:30 no 13/14 con moitos sorpresas e agasallos con prezos reducidos e música en directo a cargo dun dj”.
Ramos asegura que o CD Barco “é cousa de todos e así nolo demostran no día a día”, por iso non se cansa de dar as grazas “unha vez máis a todos os nosos patrocinadores e simpatizantes”.