No Día dos Dereitos Humanos, a cidade de Madrid foi testemuña dun emotivo recoñecemento á solidariedade, a inclusión e os valores que fan do mundo un lugar máis xusto e humano.
‘Cóntame un conto’, unha iniciativa do Centro de Día da Rúa e do Colexio Pablo VI-Fátima, alzouse co Premio Buenos días, Javi e Mar! Por un mundo mejor grazas ao seu labor unindo aos máis pequenos cos maiores. Uns encontros entre alumnos de infantil e anciáns do centro de maiores que buscan potenciar valores como a sinxeleza ou a paciencia.

Isto non sería posible sen a profesora de infantil, Gloria Chimeno, e María Carmen Estévez, do Centro de Día que na noite do martes 10 de decembro subían ao escenario do Teatro Capitol de Gran Vía para recoller o galardón de mans do actor galego, gañador de dous Premios Goya, Luis Zahera.
Tal como explican dende o Pablo VI, este premio, que celebra o esforzo e a dedicación de persoas que traballan incansablemente por un futuro máis esperanzador, destacou o labor destas dúas profesionais que, “co seu amor e entrega, tenderon pontes entre xeracións, unindo a pequenos e maiores nunha rede de agarimo e aprendizaxe mutuo”. Carmen e Gloria “representan os valores que hoxe máis necesitamos: o compromiso cos demais, a vocación de servizo e a capacidade de enriquecer as nosas comunidades cun sorriso, con xestos de solidariedade e cunha presenza que transforma vidas”, aseguran.
O acto de entrega, celebrado nun ambiente cargado de emocións, serviu como recordatorio de que, “en días como este, os dereitos humanos non son só principios abstractos, senón realidades que persoas como Carmen e Gloria constrúen a diario”. Un premio que non só recoñece o seu labor, senón que nos motiva a todos a seguir construíndo un mundo mellor desde o amor, a empatía e o esforzo compartido.

Luis Zahera, aseguraba sentirse “un pouco raro nestas situacións” pero recoñecía que “é unha verdadeira honra entregar este premio. Dedicaron o seu tempo e esforzo a este proxecto, o contacto entre maiores e nenos é un agasallo mutuo. Tamén crea unha comunidade máis unida onde a idade é só un número e o corazón conéctase co corazón. É un pracer entregar este premio”, dixo, presentando a Gloria e Carmen que agradeceron a todo o equipo de CADENA 100 este premio tan especial.
“Grazas por dar valor a este proxecto, que un medio como este lle dé importancia para nós supón un gran xesto que nos anima a seguir na mesma liña. Quero dar as grazas ao centro de Día da Rúa polo seu compromiso e implicación. Grazas sobre todo ás persoas maiores do centro que xunto cos nenos son os protagonistas, polo seu sorriso cada día, por dicirnos si ás iniciativas e para a aprendizaxe diaria, son un exemplo de día para min”, expresou Carmen que remataba reivindicando “a necesidade dos profesionais do social, e mellor valoración para os profesionais dos coidados, tan necesarios”.
Fotos cedidas.



