SanidadeÚltima hora

O Centro de Saúde da Ponte (Ourense) conmemora a súa historia e humaniza as súas instalacións

Aberto en 1987, é o máis veterano da cidade e as súas actuais instalacións ao carón da estación están a piques de cumprir o seu 30 aniversario

 

Esta semana o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba o Centro de Saúde de A Ponte, onde departiu cos seus profesionais e aproveitou para visitar a exposición sobre a historia deste equipo de atención primaria, que foi pioneiro na cidade, na rúa Ribeira de Canedo en 1987, e desde 1995 nas súas actuais instalacións. Na visita, estivo acompañado do delegado territorial, Gabriel Alén.

Camiño de conmemorar o seu trinta aniversario, o centro de saúde recolle nas súas paredes unha pequena escolma das súas orixes e vén de renovar a súa pintura e sinalización interior, na procura de mellorar a orientación e circuítos de pacientes, humanizando o seu paso polo centro, moi especialmente dos máis cativos, para o que se decorou coa imaxe gráfica dos “Bolechas” a área de pediatría. Ademais, xunto coa renovación interior, mellorouse o aparcadoiro de persoal e a súa accesibilidade.

 

 

O Centro de Saúde pontino conta desde este ano con novos servizos orientados ao paciente, ampliando a súa carteira de servizos cunha dietista-nutricionista, que complementa o traballo do equipo asistencial na atención de pacientes con patoloxías crónicas moi prevalentes como a diabete, a hipertensión arterial, a insuficiencia renal, obesidade, dislipemia -ou colesterol elevado- e tamén ao conxunto da poboación, que se benefician do seu consello profesional para unha alimentación máis saudable ou adaptada ás súas características vitais e de saúde, mediante consultas individuais e obradoiros.

Xunto coa nova profesional, o centro dispón, tamén desde este ano, cun profesional administrativo máis, para orientar e fomentar a capacitación tecnolóxica dos pacientes, no marco dunha iniciativa posta en marcha polo Sergas para dar a coñecer e facilitar o acceso á aplicación SergasMóbil, a fiestra dixital desde a que os usuarios e usuarias poden pedir cita, lembrar a data e localización das súas consultas, a medicación activa, ou incluso descargar as súas últimas analíticas, probas radiolóxicas, etc. da súa historia clínica, grazas a ao aplicativo e-saúde.

Artigos relacionados

Back to top button