ConcellosÚltima hora

O chef Domínguez Carrete, embaixador da LIV Festa do Pulpo

O carballiñés afincado en Madrid rexenta o restaurante Lúa, catalogado cunha Estrela Michelín
O cociñeiro carballiñés asistirá esta tarde á elaboración da Tapa de Pulpo máis grande do mundo.
O cociñeiro carballiñés recibiu a distinción na casa do concello, esta mañá, rodeado de familiares e compañeiros de traballo.

O Concello do Carballiño concedeu esta mañá a distinción de Embaixador da LIV Festa do Pulpo e do Carballiño ao chef local Manuel Domínguez Carrete, que rexenta o seu propio restaurante en Madrid, o Lúa, recoñecido cunha Estrela Michelín dende finais do ano pasado.

“É un exemplo para a mocidade carballiñesa como modelo de emprendemento e creatividade”, subliñou o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. El foi o encargado de entregarlle a placa coa distinción na casa consistorial. Estivo acompañado do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, o edil de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, e a titular de Medio Ambiente, Érika Paz.

Tamén paricipou a nai do cociñeiro, Adela Rosa Carrete, e as xefas de cociña e sala do restaurante, Paula Villanueva e Mari Morales, ademais do propio Manuel Domínguez.

Neste contexto, o chef, que se encontra no Carballiño estes días, agradeceu a homenaxe do concello e a confianza da súa familia, con mención especial ao seu pai. Tamén valorou positivamente o labor do seu equipo, dirixido por Villanueva e Morales. Asistirá como convidado de honra á elaboración da Tapa de Pulpo máis grande do mundo, que terá lugar esta tarde na Praza Maior do municipio.

Artigos relacionados

Back to top button