DeportesEn portadaÚltima horaVídeos

O ciclista Sergio Calvo Bembibre recibe o recoñecemento oficial do Concello da Rúa

 

Igual que fixera cos equipos de fútbol, fútbol sala feminino e tenis, o Concello da Rúa fixo público o recoñecemento oficial pola súa traxectoria ao ciclista rues Sergio Calvo Bembibre, unha das xoves promesas do deporte que esta a dar grandes alegrías.

Natural da Rúa Vella e xuvenil de segundo ano (o ano que vén pasa a Sub23), daba os seus primeiros pasos sendo un neno e en casa, Valdeorras. Empezou a destacar co Emico-Erbi Bembibre ata que fichaba polo Club Ciclista Rías Baixas no que estivo ata abril deste ano cando se incorporaba á estrutura ciclista júnior da Fundación Contador, como parte do Eolo Kometa Cycling Team, co que xa leva conseguido grandes metas como o Campionato Galego de Ruta, a Volta a Girona ou os subcampionatos de Chelle Campos e a Volta ao Barbanza, entre outros moitos.

 

 

No verán era homenaxeado polo CD Rúa quen lle regalaba unha camiseta do club de fútbol e na tarde deste luns 6 de novembro era o Pleno quen o homenaxeaba en nome de todo o pobo. Comezando pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert, todos os voceiros do grupos de goberno (o popular Álvaro Fernández, o do RUA Jose Vicente Solarat e o socialista Luis Fernández) felicitaban a Sergio desexándolle a mellor das sortes e agradecéndolle o feito de levar o nome da Rúa polo mundo, aínda que era o nacionalista Avelino Fernández quen lle facía entrega da placa. “Quen me coñece sabe a paixón que sinto polo ciclismo e na Rúa eres o deportista con máis proxección como demostran os teus resultados con éxitos en Cataluña, no País Vasco, en Portugal,…”, dixo, desexando que “en tres anos poidas estar tu tamén no Tour”.

 

 

Pola súa banda e acompañado pola súa familia, Sergio agradecía o detalle e o apoio recibido polo Concello, asegurando que “intentarei dar o máximo posible para chegar a ser profesional e que se recoñeza esta zona, ideal para o ciclismo. Intentarei chegar o máis alto posible e quen sabe se chegarei a gañar unha gran volta. Moitas grazas a todos”, concluía entre aplausos.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button