CulturaCulturaÚltima hora

O cineasta Oliver Laxe, entre os colaboradores de “Galicia futura”, a grande exposición do Xacobeo 2021

A mostra inaugurarase no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, o vindeiro 14 de xullo e estará comisariada por Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello

 

A Xunta convida a medio centenar de creadores, dos ámbitos das artes plásticas, as letras, as ciencias ou o audiovisual, a imaxinar xuntos a Galicia futura, título da que será a grande exposición do Xacobeo neste ano 2021. A mostra inaugurarase no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura o vindeiro 14 de xullo e estará comisariada por Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou na rolda de prensa de presentación deste proxecto, que a exposición funcionará “como unha plataforma para dar a coñecer canto de innovación se está facer en Galicia”, pero tamén como un “elemento reactivador do sector cultural”.

 

 

“Unha vintena de proxectos culturais foron encargados e estanse a desenvolver con motivo desta exposición, unha mostra que incorpora unha enorme dimensión de apoio á creación en Galicia nun momento no que se precisa”, engadiu o titular de Cultura, quen subliñou que estamos ante un proxecto netamente galego, que, en si mesmo, “reflicte a capacidade da nosa Comunidade para artellar propostas culturais de envergadura”.

Ademais do conselleiro e dos comisarios da exposición, o anuncio deste proxecto contou coa presenza dos membros do comité de colaboradores, 19 persoas entre os que se atopan algúns dos artistas e científicos con máis talento de Galicia, como o cineasta Oliver Laxe (director entre outros de O que arde), a catedrática en telecomunicación Edita de Lorenzo, a cantante e compositora Wöyza, a chef distinguida cunha Estrela Michelin Lucía Freitas ou o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Carlos Salgado. Desde o ámbito científico, o comité asesor da exposición conta tamén coa médica e investigadora, coordinadora do Grupo Cellcom do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, María D. Mayán, e co catedrático de Química da Universidade da Coruña, Moisés Canle.

 

O cineasta Óliver Laxe, autor entre outros de “O que arde”. /Foto: Carlos Asensio.

 

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas; a profesora de Economía da mesma universidade, María Loureiro; o comisario e director da Fundación Didac, David Barro; o arquitecto Carlos Quintáns, a deseñadora Nuria Carballo ou a profesora de secundaria Marisa Calderón participan tamén neste proxecto, que conta ademais con profesionais máis vinculados ao mundo empresarial, de ámbitos como o tecnolóxico, agroalimentario, turístico ou do deseño.

Artigos relacionados

Back to top button