ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O cineasta Xacio Baño presenta no Barco “Trote”, a súa visión do rural galego

Trátase da primeira longametraxe deste director vencellado familiarmente a Valdeorras e que pasou a súa infancia en Manzaneda

Son 83 minutos moi intensos, nos que o espectador vai encaixando pezas dunha historia da loita entre o racional e o instintivo, entre o animal e o humano, a comunicación e a incomunicación, tendo como marco o rural galego. Na súa primeira longametraxe, “Trote”, Xacio Baño (un cineasta familiarmente vencellado a Valdeorras e que pasou a súa nenez en Manzaneda) achega unha visión diferente, crúa e moi persoal da vida na aldea a través da historia dunha familia que, tras un accidente, sufre unha perda. E todo isto coincide coa celebración da festa da “Rapa das Bestas” na localidade.

“Trote” estreábase no Barco na noite do 13 de decembro nunha sesión á que acudía o seu director, quen presentaba a película e amosábase encantado de poder estar no Teatro Lauro Olmo, contando ademais coa asistencia da súa familia, que reside na vila. “É unha película sobre o rural galego con todo o que iso implica, sobre animais, sobre cabalos, sobre a nosa parte animal e evolutiva e esíxelle un pouco ao espectador”, comentaba antes da proxección.

Este traballo camiña entre a ficción inicial e, xa ao final, unha parte máis documental. Xoga co latexo do tempo no rural, cos sons  e o seu valor, cos primeiros planos… Do seu elenco de actores sobresaen María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido e Tamara Canosa. Tras a proxección da longametraxe, que finalizaba entre aplausos, Baño iniciaba un diálogo co público asistente no que afondaba en diversos recursos e elementos da película, o uso do tempo, dos silencios, a importancia dos primeiros planos ou a estrutura do filme.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button