
O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollía na tardiña do 8 de outubro unha gala do Círculo Poético Ourensán na que o colectivo fixo entrega dos premios correspondentes ao V Concurso de Poesía para alumnos de Primara e ESO da cidade. Este evento enmarcouse tamén na programación do VII Encontro Internacional da Poesía, que tamén contemplou outras actividades durante todo o día como un roteiro literario polos puntos máis emblemáticos da cidade ou diversos recitais.
A gala tamén serviu de marco para entregar os premios Círculo Poético Ourensán, que recoñecen a persoeiros e entidades pola promoción e difusión da cultura. Así, nesta edición o colectivo decidiu destacar a traxectoria do CEIP Prácticas, da xornalista María Luisa Campos, e do cantautor Emilio Rúa.
Mañá, domingo 9, o Encontro Internacional de Poesía pechará no Carballiño, cun recital a mediodía e unha entrega de obsequios aos poetas participantes arredor das 18 horas.