DeportesÚltima hora

O Club de Bolos Punxeiro (Viana) recibe a insignia de ouro da Federación Española de Bolos

Entregábanlle a medalla no decurso do XXII torneo de bolos por parellas celebrado o 13 de agosto

Participantes nesta edición do Torneo de Bolos de Punxeiro.

 

A xornada do sábado 13 de agosto foi moi especial para Punxeiro enteiro, pero sobre todo para o club de bolos e para a familia de Luis Herrera.

Foi o día en que celebraban a XXII edición do torneo de bolos por parellas coa participación de boleadores de Boiro, Lugo, Camos, Quintela de Edroso, Froxais, Buxán e Punxeiro; un día de reencontros, de festa pero tamén de emocións e lembranzas dos que xa non están, entre eles Luis, o fundador do club e promotor do campionato, falecido hai uns anos.

 

A viúva e os fillos de Luis, o presidente da Federación Galega de Bolos e o presidente do CB Punxeiro.

 

Foi tamén o día no que despois de moitos intentos, o Club de Bolos Punxeiro recibía a insignia de ouro da Federación Española de Bolos. “Foi o presidente da federación galega, Isidro Costas, quen solicitou a medalla para o club na honra ao seu fundador, Luis Herrera, e este ano por fin tivemos a  sorte de que a solicitude foi aprobada”, conta o actual presidente do club, Fermín, asegurando que era algo importante para eles xa que se trata dun recoñecemento a nivel nacional do traballo levado a cabo a prol dos bolos.

Así, trala entrega de trofeos do XXII Torneo de Bolos de Punxeiro o presidente da Federación Galega de Bolos entregaba a medalla á familia de Luis: a súa viúva Ricarda; e os seus fillos Mónica e Alejandro, nun emotivo acto cheo de ledicia e melancolía.

 

A Medalla de Ouro da Federación Española de Bolos concedida ao CB Punxeiro.

 

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button