Na fin de semana do 5 e 6 de abril, os concellos de Baiona e Nigrán (Pontevedra), acollían o “I Galicia O’Meeting”, un evento deportivo formado por tres probas puntuables para as ligas galega e española de orientación, no que o Club Our-O participaba con 13 orientadores.
O sábado pola mañá disputábase a proba de distancia media en “Chan da Lagoa”, valedeira para ambas as ligas de orientación a pé. A nivel nacional, Brais Rodríguez conseguía o posto 14º en M14, Marta Agudo o 32º en F-16, María Ángeles Pérez o 10º en F-21B, Eva Calvelo o 11º en F-45 e Pablo Aller o 26º en M-55.
Pola tarde era a quenda da distancia sprint na parroquia de Panxón, Campionato Xunta de Galicia e tamén puntuable para a liga española nalgunhas categorías. Neste caso “destacamos os resultados a nivel do Campionato Xunta de Galicia na categoría M-14, onde Brais Rodríguez Cruz proclamábase campión autonómico”, din dende o club valdeorrés.
O evento repataba o domingo coa distancia longa. “Neste caso, a nivel nacional, foi o día da familia Agudo Calvelo, xa que Marcos Agudo obtiña o posto 15º en M-14, Marta Agudo o 27º en F-16, Eva Calvelo o 17º en F-45, e as irmás Claudia e Emma Agudo conseguían o 3º e 4º posto respectivamente, na categoría Open Amarelo”.
Orgullosos do papel dos seus deportistas desde o Club Our-O agradecen “o esforzo das familias que fan posible a participación neste tipo de probas”.
Fotos cedidas.