
Coas primeiras neves cubrindo os cumes, é tempo de preparar a tempada invernal. Por iso o Club Peña Trevinca Barco convoca aos socios para o vindeiro venres 27 de novembro ás 20 horas na oficina no pavillón de Calabagueiros, onde terá lugar a presentación da campaña que se aveciña “na que se mostrarán as novidades que presentan as estacións de España, Andorra e Pirineo Francés, mentres gozamos dun aperitivo”, informan dende o club.
A xornada completarase cunha sesión práctica sobre mantemento de esquíes (reparación de danos na sola), para o cal os socios que o desexen poderán levar os seus esquíes para encerado, revisión de fixacións, cantos e demais “utilizarase o material dispoñible no club pero cada un deberá levar a súa propia cera”, puntualizan.
As inscricións para asistir á xornada deben facerse no seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/10UvdlcEfomWCWKB2hR_5ZXuIY7JjwBw_9nMslIpEo3s/edit?usp=sharing
Dende o club adiantan a idea de facer unha excursión ao Pirineo do 5 ao 8 de decembro, decidíndose o venres o destino, “baseándonos nas condicións de neve”.