DeportesÚltima hora

O Club Petanca Valdeorras renova a directiva e prepara o campionato do Cristo, no Barco

O torneo está previsto para o vindeiro 12 de setembro pola tarde

 

Tras máis dun ano de parón, coa melloría na situación sanitaria e a chegada do verán, o Club Petanca Valdeorras reactívase con ilusión e novidades.

A principal é a renovacion da directiva que pasa a presidir Gabriel Álvarez Alonso, elixido na reunión que se celebraba na tarde deste mércores 4 de agosto no Chao (O Barco de Valdeorras), onde teñen a sede de tamén os campos de xogo. Xunto a Gabriel, estarán José Luis Núñez Prada como secretario, Ángel Carracedo Rodríguez como administrador, e Jesús Ramos Fernández e Nicanor Ramos Fernández como vogais.

En principio esta directiva estará á fronte do club durante os vindeiros catro anos e o obxectivo máis inmediato é a organización do campionato do Cristo, previsto para o 12 de setembro. “Xa falamos co Concello, que nos dará os trofeos e, sempre que as situación sanitaria o permita, comezará coma sempre sobre as 4 da tarde”, explica o novo presidente do club.

 

Jesús Ramos, Gabriel Álvarez, José Núñez, Ángel Carracedo e Nicanor Ramos forman a nova directiva do Club Petanca Valdeorras.

 

Como en edicións anteriores esperan contar con tripletas de Valdeorras e tamén do Bierzo, destacando que “pode participar todo aquel que o desexe previa inscrición (5 euros)”. Tralo campionato, coma sempre, farase a entrega de premios ás tres primeiras tripletas e haberá unha pinchada.

A renovada directiva do Club Petanca Valdeorras que actualmente conta con entre 25 e 30 socios, destaca que están abertos a novas incorporacións, animando a todo aquel que esté interesado en xogar á petanca a pasarse polo Chao.

Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button