EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

O Clúster da Pizarra de Galicia crea o I Premio de Construción con Lousa

Pretende recoñecer a esta pedra natural "como un elemento fundamental na construción e un material para mellorar a habitabilidade e a sustentabilidade dos proxectos arquitectónicos"

Palé de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Poñer en valor a lousa como material construtivo. É o obxectivo dunha serie de iniciativas de dinamización social e cultural que o Clúster da Pizarra de Galicia pretende poñer en marcha no derradeiro trimestre deste ano. Asi este organismo promoverá “diferentes convocatorias de premios que distingan, por unha banda, boas prácticas sostibles en construción con lousa e, polo outro, textos xornalísticos e debuxos de escolares relacionados con este material”, indican.

Nesta liña créase o I Premio de Construción con Lousa como un certame de convocatoria trienal e constitúese para poñer en valor “a lousa como material referente nas edificacións sostibles e a innovación na construción”. Neste sentido, o premio pretende recoñecer a esta pedra natural “como un elemento fundamental na construción e un material para mellorar a habitabilidade e a sustentabilidade dos proxectos arquitectónicos”. Ademais, esta convocatoria pretende “impulsar o fomento e a utilización de lousa incentivando a excelencia e a innovación; incentivar o coñecemento deste material
construtivo; fomentar a investigación e a aplicación arquitectónica de novas tecnoloxías na lousa e promover o traballo de profesionais con este material construtivo”.

Ao premio poderán presentarse obras ou proxectos de calquera persoa, empresa ou institución que fosen realizadas por profesionais, arquitectos ou construtores, radicados en España ou no estranxeiro, e que se encadren dentro das seguintes categorías: de nova construción, reformas, rehabilitacións ou espazos públicos.

As obras que se presenten teñen que empregar de forma significativa lousa de empresas que formen parte da Agrupación industrial da Lousa de Galicia ou da Federación Nacional de Lousa, ben nas fachadas (premio á mellor fachada) ben nas cubertas (premio á mellor cuberta). As obras que se presenten teñen que ser realizadas entre o 30 de setembro de 2018 e o 30 de setembro de 2021.
Concederase un premio consistente nunha figura deseñada e producida por un recoñecido artista galego ao arquitecto, ao aparellador e ao colocador de lousa da obra gañadora en cada unha das dúas categorías.

I Premio de Xornalismo e II Concurso de Ilustración para nenos e nenas en idade escolar 

Coincidindo co X aniversario da súa creación, a Agrupación industrial da Lousa convoca a I edición do Premio de Xornalismo “Pioneiros da lousa”. O certame está dirixido a seleccionar e recoñecer o mellor traballo xornalístico publicado ou emitido en prensa impresa e dixital, radio ou televisión, que difunda o valor da industria da lousa en Galicia. O artigo ou peza informativa que resulte gañadora recibirá un premio de 1.000 euros.

Xunto a isto, o Clúster da Pizarra de Galicia promove a segunda edición do concurso de ilustración para nenos e nenas en idade escolar. Poderán participar nesta convocatoria todos os alumnos de 5º e 6º de Primaria, así como o alumnado de ESO, dos centros educativos de Valdeorras, Quiroga, Trives e Viana.

Os debuxos deben ser inéditos e cada participante poderá presentar unha única proposta, que sexa de creación propia e orixinal. A ilustración debe mostrar a importancia que o sector da lousa ten para a contorna de Valdeorras e os seus habitantes. Haberá un primeiro premio de 300 euros e un agasallo para o gañador; un segundo premio de 150 euros e tamén agasallo para o segundo clasificado e un terceiro premio de 50 euros e un agasallo para o terceiro en cada unha das dúas categorías (alumnos de 5º e 6º de Primaria, por unha banda, e alumnos de ESO polo outro).

Artigos relacionados

Back to top button