SanidadeÚltima hora

O Colexio de Médicos de Ourense pide “un confinamento domiciliario similar ao da primeira onda da pandemia”

 

Ante a delicada situación sanitaria derivada da pandemia do Covid-19 que atravesa a provincia, a xunta directiva do Colexio Oficial de Médicos de Ourense vén de emitir unha carta aberta na que pide “un confinamento domiciliario similar ao realizado na primeira onda da pandemia, coas matizacións que o escaso coñecemento adquirido nestes meses aconsella, sería a medida máis rápida e segura para minimizar ao máximo os ingresos hospitalarios e as mortes. Durante 20-30 días: permitindo a actividade escolar, o deporte individual e os paseos ao aire libre dos conviventes”.

Dende esta entidade colexial sinálase que o “aumento exponencial dos contagios por Covid-19 na nosa provincia (do mesmo xeito que no resto do Estado) está a levar ao límite das súas posibilidades ao sistema sanitario. Os nosos centros de saúde e os nosos hospitais viron incrementar de forma moi rápida os novos casos, coa sobrecarga asistencial cada vez máis difícil de asumir que isto supón. As peores previsións sobre as que, como Colexio Médico de Ourense, alertamos antes do Nadal, están a cumprirse”.

Neste contexto e, “antes da que a situación asistencial sexa insostible, debemos, como membros do Colexio Médico de Ourense, esixir aos responsables políticos e á cidadanía ourensá, medidas moi contundentes para frear canto antes esta rápida e negativa evolución. De feito, xa deberon aplicarse hai varias semanas”, indica este órgano colexial.

“En todo caso, co devandito confinamento estrito ou sen el, é necesario restrinxir a actividade fóra de casa ao verdadeiramente esencial. E prohibir as reunións e encontros entre non conviventes, sobre todo en espazos pechados, incluíndo domicilios particulares. Pero non só prohibir, senón tamén -cos cambios lexislativos que sexan necesarios- facer cumprir a prohibición polas forzas de seguridade coas consecuencias penais que sexa mester aplicar aos incumpridores”, continúa a carta emitida polo Colexio Médico de Ourense.

Ademais dende o organismo colexial apuntan que “somos coñecedores do custo económico e social que as medidas propostas supoñen, pero neste difícil momento a prioridade é salvar vidas e garantir a asistencia sanitaria a todos os pacientes, tanto aos infectados por Covid-19 como ao resto”.

Artigos relacionados

Back to top button