ConcellosÚltima horaVídeos

O Colexio de Rubiá recolle o premio das Letras Galegas 2022 polo seu traballo sobre Florencio ‘Poeta do Agro’

O acto celebrábase no propio centro onde o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García entregaba o galardón na modalidade de Infantil e Primaria

 

Cun contundente “Vivan as Letras Galegas” berrado ao unísono no CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá, remataba na mañá deste 16 de maio o acto de entrega do premio ao traballo gañador do Concurso Exposición Letras Galegas 2022 na modalidade de Educación Infantil e Primaria, polo traballo Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro.

 

A directora do CEIP P. Virxe do Camiño coa xefa territorial de Política Lingüística de Ourense.

 

Un fermoso acto, o primeiro institucional dun intenso programa que se desenvolverá entre hoxe e mañá en Valdeorras para celebrar As Letras Galegas, que tivo ao colexio de Rubiá como protagonista indiscutible dun proxecto que contou coa participación de todo a comunidade educativa, dende os profesores ata os pais e por suposto os alumnos. Un traballo coidado ata o máis mínimo detalle que foi loado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen felicitou ao centro gañador do concurso por “este espírito de colaboración e de unidade, que é o espírito das Letras Galegas, que permite que un centro educativo do medio rural coma este poida facer un traballo tan grande e tan interesante, que serve para difundir tamén nos restantes centros de Galicia o exemplo de Florencio Delgado Gurriarán”, apuntou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Univerdades, facendo unha mención especial ao importante labor que realizan por toda a Comunidade os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos.

 

O alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez durante a intervención.

 

Compartindo mesa co representante autonómico tamén estaban a xefa territorial de Ourense, Judith Fernández Novoa; o autor da biográfía de Florencio, Ricardo Gurriarán; o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez Núñez; e a directora do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño, Andrea Tato, encargada de conducir o acto e presentar aos asistentes.

 

O secretario xeral de Política Lingüística enrega o premio ao coordinador do traballo, Felipe Ulloa.

 

Emocionado polo acto, o rexedor de Rubiá aseguraba que “hoxe é un día importante para todos, sendo os nenos, os pequenos pero á vez grandes protagonistas”. Elías asegurou que aínda que non foi o único, este seguramente foi o premio máis importante recibido polo centro ata o momento “pero haberá máis porque é o resultado dun gran traballo. Estamos moi orgullosos de todo o alumnado do colexio de Rubiá”, dixo.

 

 

Neste acto, o secretario xeral de Política Lingüística entregaba o cheque co premio ao coordinador do proxecto, Felipe Ulloa González, e do diploma acreditativo á directora do centro Andrea Tato e, como verdadeiros protagonistas, o alumnado gañador recreaba o poema A muiñada da obra Bebedeira de Florencio Delgado Gurriarán, unha fermosa representación que arrancou sonoros aplausos. Entre o público, aparte dos profesores e membros da ANPA, tamén estaban familiares de Florencio (entre eles as tres fillas que chegaban dende México na fin de semana); o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado; e as promotoras das Letras de Florencio, Débora Álvarez e Margarida Pizcueta.

 

Os profesores do Colexio de Rubiá.

 

Membros da ANPA do Colexio de Rubiá.

 

O traballo gañador na categoría de Infantil e Primaria, Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro, destacou entre todos os participantes no concurso, cun harmonioso conxunto de 10 carteis nos que salientan a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración. Os carteis van acompañados dunha guía didáctica con interesantes tarefas de gamificación e outras destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así como orixinais vídeos de animación, na procura de difundir a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo. Todos estes materiais atópanse no Portal da Lingua Galega e no blog do centro, O guieiro de Florencio.

 

 

 

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button