O Colexio Pablo VI-Fátima e o Centro de Día da Rúa, veñen de ser galardoados co premio Cadena 100 ‘Por un Mundo Mejor’, un recoñecemento ao seu proxecto interxeracional que conecta a nenos e anciáns nunha experiencia educativa e emocional única. Aínda que todos os premios son motivo de alegría, este ten un significado especial para o colexio. “Xa recibiamos o premio cada vez que viamos as caras de anciáns e nenos compartindo momentos inesquecibles”, sinala o director, D. José Fernández de Abaixo.
Un proxecto con historia e corazón
Tal como explican dende o centro, o proxecto interxeracional do Colexio Pablo VI-Fátima ten unha longa traxectoria, con visitas tradicionais en Nadal a residencias como Os Pinos e Nosa Señora de Fátima, Centro de Día…
Con todo, na aula de tres anos, baixo a coordinación da profesora Gloria Chimeno, unha profesora que derrocha sensibilidade e afecto polos máis vulnerables, dábase un paso máis ao contactar co Centro de Día da Rúa e o seu propio proxecto creado co obxectivo de que os maiores sexan parte activa da sociedade “en base a uns obxectivos de intervención, cronoloxía”, aseguran dende o centro, destacando que o seu obxectivo “non é buscar un afecto que os maiores xa teñen nas súas familias, senon crear un vínculo cos nenos, saír do centro, aportarlles experiencias,…”
Estes encontros permiten aos máis pequenos e aos maiores compartir actividades cooperativas durante dúas horas, creando vínculos tan profundos que as despedidas se enchen de tristeza e emoción. “É curioso ver como os nenos máis ‘difíciles’ conectan de maneira especial cos avós con máis problemas de mobilidade ou deterioración cognitiva”, explica o director.
Para os nenos, a aprendizaxe cos maiores “é unha oportunidade invaluable”, aseguran dende o centro. “Non entenden de problemas nin barreiras, só recoñecen o afecto e a dedicación, construíndo lazos que transcenden xeracións”.
Un premio que celebra a verdadeira aprendizaxe
“O recoñecemento de Cadena 100 é un impulso para continuar con este tipo de iniciativas que demostran que todos gañan: os nenos aprenden da experiencia e sabedoría dos maiores, mentres que os anciáns senten valorados e acompañados”, din dende o Pablo VI-Fátima que o próximo 10 de decembro estará representado na gala de entrega en Madrid, levando con orgullo o traballo e o compromiso de toda a súa comunidade educativa.
“Nós xa recibimos o premio”, conclúen desde o colexio. Un galardón que “non só recoñece un proxecto, senón a esencia mesma da educación: construír un mundo mellor, xuntos”.
Pola súa banda, dende o Centro de Día aseguran que a iniciativa empezou como algo pequeno e sinxelo que chegou lonxe “porque fixemos unha entrevista con Javie Nieves de Cadena 100 e decidiron premiarnos, pero os verdadeiros protagonistas son os maiores e os nenos”.
Fotos cedidas.